Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Guerrilleiras

A vitoria militar franquista non puido impedir que ao longo da posguerra se producise en Galicia resistencia armada contra a ditadura. Nesta loita participaron tamén mulleres guerrilleiras, enlaces e colaboradoras, moitas delas abatidas a tiros: Manuela Sánchez (cantada polo poeta Lorenzo Varela), Antonia Díaz Pérez, Josefa Escourido Cobo, Alpidia García Moral, Celia González Pernas, Carmen Jérez Rodríguez, Carmen Temprano Salorio… 

Algunhas foron detidas, torturadas e lon- gamente encarceradas, como a comunista Enriqueta Otero Blanco, coñecida como María de los Dolores e Pasionaria Lucense, a quen se conmutou a pena de morte á que fora condenada, pola de décadas de prisión. Tamén foron condenadas María Blázquez e Josefina González Cudeiro, Fina, que convivían cos guerrilleiros José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, executados na Coruña en 1948 a garrote vil. Houbo mulleres que acompañaron os guerrilleiros ata o último momento, como Ramona Curto Condal, Mirelle, que conviviu clandestinamente co último guerrilleiro da posguerra, José Castro Veiga, O Piloto, ata o abatemento deste en 1965, no contorno do embalse do Belesar, en San Fiz (Chantada).

A miúdo existiron núcleos familiares de apoio e combate guerrilleiro do que formaron parte mulleres, como Consuelo Alba Digón e as súas fillas Domitila e Florinda Gutiérrez Alba, de Cervantes (Lugo); as irmás Antonia e Consuelo Rodríguez López, de Soulecín (O Barco de Valdeorras), ou as tamén irmás Clementina, Josefina e María Remedios Gallego Abeledo, de Mugardos, que colaboraron coa castigada familia guerrilleira Freire Barcia, da Cernada. A última das mencionadas, chamada Marita, chegou a ser comisaria política dun destacamento da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro. 

GUERRILLEIRAS NOS ANCARES

Consuelo Alba Digón e as súas fillas Florinda e Domitila Gutiérrez Alba de Cervantes, valentes e resistentes á represión e ao acoso fascista, foron mulleres libres no monte.
Guerrilleiras nos Ancares.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez