Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Fillas do exilio

Malia as dificultades, as exiliadas lograron ir saíndo adiante e mesmo ás veces realizar un gran labor social e cultural, proseguido polas súas descendentes. O orgulloso símbolo do éxito das fillas do exilio en terra allea foi sen dúbida a actriz María Casares, nena galega que acabou converténdose nunha primeirísima actriz do teatro e do cinema en Francia.

texto 1 panel maria casares

- Cando se está exiliada unha vez, estase exiliada para sempre.

- O teatro é un lugar de exiliados. É o meu lugar.

- O meu nome é María Casares. A terra coa que fun feita é Galicia. Nacín no Théâtre des Mathurins. A miña patria é o teatro e o meu país de orixe a España refuxiada.

- A primeira vez que recitei a Lorca en público foi en París, durante a ocupación alemá; era a miña maneira de testemuñar, a miña maneira de loitar, dende a memoria e dende a miña profesión.

- Non volvín a España ata 1976, despois da morte do ditador, cando era libre de face- lo, cando xa non tiña que pedir permiso a un réxime fascista ilegal que matara a República da que son filla. En 1936 marchara unha nena; corenta anos despois volvía unha actriz.

(María Lopo, “O meu nome é María Casares”, Unión Libre, 12, Cinemas, 2007).

texto 2 panel maria casares

MARÍA CASARES

Cando María Casares saíu para o exilio levou con ela algunhas das mellores cousas de Galicia, transmitidas pola profunda apertura liberal do seu pai e pola libre estirpe popular operaria da súa nai: o amor á liberdade e á cultura; a autoafirmación e a fortaleza das mulleres; a filoxinia dos mellores homes; e o gusto polo gozo alegre da vida natural. Con esta equipaxe vital privilexiada superou os males do exilio deleitándose na arte dramática que chegou a dominar con absoluta mestría e deleitándose na arte de vivir da que gozou con plenitude. E así, para un dos seus amores, o seu compañeiro Albert Camus, María foi o que ela era: a vida.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez