Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Exiliadas

Unha das grandes perdas da Galicia da posguerra foi a fuga de activos cerebros femininos que tiveron que exiliarse para salvar a vida ou para vivir en liberdade, a miúdo despois de andar fuxidas, sufrir encarceramento ou padecer a morte dos seus seres queridos. 

Este foi o caso de Margarita Bilbatúa Zubeldía, a quen lle asasinaron tres irmáns socialistas en Vigo; Placeres Castellanos Pan, esposa do mestre fusilado Víctor Fráiz e nai dun fillo tamén asasinado; Josefa García Segret, esposa do mestre paseado Hipólito Gallego Camarero e autora de Abajo las dictaduras!!; Isabel Ríos Lazcano, esposa do médico fusilado Manuel Calvelo e autora de Testimonio de la guerra civil; María Miramontes Matos, costureira, empresaria e esposa do alcalde e editor paseado Ánxel Casal; Syra Alonso Bruffau, esposa do pintor fusilado Francisco de Miguel e da que se publicaron os seus Diarios; as irmás Maruja, Luísa e Josefina González Cudeiro, fillas de pai fusilado en Ourense; Consuelo e Antonia Rodríguez López, de quen mataron os pais e catro irmáns, así como o compañeiro de Chelo; Concha Nogueira Miguel, cuxos pais se suicidaron cando foron cercados no bou Eva... 

Despois de vivir numerosas tribulacións durante a guerra civil, puideron exiliarse tamén a activista Ascensión Concheiro García, coñecida como Choncha Comesaña; Gloria Pérez Corrales, esposa de Santiago Casares Quiroga, e a súa filla María Casares Pérez, que había de ser actriz, así como máis tarde Esther Casares Quiroga e Esther Varela Casares, respectivamente filla e neta do dirixente en cuestión; Rosina Otero Torres, esposa do republicano Elpidio Villaverde, e as súas fillas María Victoria e Rosina Villaverde Otero, a primeira delas autora de Tres tiempos y la esperanza co apelido do seu marido, o escritor exiliado Ramón de Valenzuela; a mestra Amparo López Jean, esposa do republicano César Alvajar Diéguez, e as súas fillas María Amparo, Ana María e María Tersa Alvajar López (a primeira, polifacética intelectual, e a segunda, violinista e autora de Soltando lastre); a pintora vangardista Maruja Mallo; a cantante lírica María Valverde; Carmen Gómez Martínez, esposa do mestre represaliado de Magán (Cuntis), Xosé Viéitez de Soto, e a súa filla Ana Viéitez Gómez; a comunista Mercedes Núñez Targa, coñecida como Paquita Colomer, que ingresou na Resistencia francesa e que foi deportada ao campo nazi de Ravensbrück; as anarquistas Sebastiana Vitales Gascón e Joaquina Dorado Pita, así como compañeiras de significados exiliados como Virginia Pereira Renda, esposa de Castelao, ou Mercedes Pimentel, muller do xurista Manuel García Pelayo, e numerosas colaboradoras nas actividades culturais do exilio: a inspectora de ensino Carmen Muñoz Manzano, esposa do escritor Rafael Dieste; María Elvira ou Maruxa Fernández López, esposa do pintor Luís Seoane, etc. 

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez