Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Da visualización social da muller á inmersión no terror. 1936: Golpe de Estado, vítimas e memoria

Iniciado o verán do 36 a prensa local e estatal ou os partes radiofónicos, evidencian unha realidade política caracterizada pola crispación. As aspiracións reformistas ou revolucionarias, segundo criterios, do goberno da Fronte Popular son observadas con recelo polos sectores máis conservadores, que, en non poucos casos, amosan o seu interese en combatelas. Actitude que, á súa vez, é identificada polo amplo espectro da esquerda como un posicionamento na órbita dun fascismo que demostra o seu poderío no contexto internacional. A cidadanía medianamente informada dos acontecementos e, en poucos pero chamativos casos, protagonista ou testemuña de feitos que van do enfrontamento verbal ao físico, pode xa intuír que algo vai acontecer. Incluso un Golpe de Estado, fórmula, que por outra parte, non é allea á construcción do propio sistema liberal no Estado español.

A "memoria" de Golpes pasados e un presente no que a posibilidade dun novo radica  máis no ámbito das conxecturas que no da certeza, son factores o suficientemente potentes para que a vida cotiá non se vexa alterada... e, así, as festas e romaxes estivais, celebradas coma calquera outro ano, van ser os lugares onde comece a propagarse a noticia do levantamento militar. Sen embargo, como o corroboran tantas testemuñas que padecen o acontecemento, o Golpe militar de xullo de 1936 vai supoñer unha terrible sorpresa pola inesperada violencia coa que se escenifica e a intensa represión que leva aparellada, equiparable, salvando as distancias cronolóxicas e espaciais, con outras realidades nas que se visualiza a barbarie humana, ate hoxe presente en conflictos armados de diversa índole nos que se pon de relevo a aplicación sistemática da violencia sobre a poboación vencida e desarmada.

Nunha Galicia que axiña sucumbe á sublevación, cando remata o ano 1936 o número de persoas mortas a consecuencia desta supera as 2.000. Intensidade represiva posta ao servizo da construcción dun novo réxime nos territorios nos que os militares golpistas acadan o poder e, ao mesmo tempo, inxerida na lóxica dunha guerra produto do fracaso do Golpe contra o goberno do Estado. Dende esta perspectiva, cabe entender que entre xullo de 1936 e a caída da fronte de Asturias, a finais de 1937, se rexistren en torno ao 80% das mortes computadas en Galicia no contexto da Guerra Civil e se inicien o 70% das causas militares abertas neste período, nas que son procesadas 8.300 persoas.

Na sociedade galega de 1936 escenifícase, pois, un golpe militar eminentemente moderno no que, ademais de seren executados os militares e civís que, con moi precarios medios, se opoñen á sublevación, ao mesmo tempo, seguindo técnicas posiblemente depuradas na experiencia da ocupación colonial atentatorias contra a propia condición humana, é tamén exterminada unha parte significativa da sociedade civil, mentres outra é encadeada ou sometida a castigos diversos ou sancións, ficando o groso da poboación sumida nun terror paralizante, esporeado por abondosas desaparicións e un ronsel de cadáveres diseminados por camiños e cunetas. Tarefa executada por gardas civís e unha vangarda de represores locais - maiormente neofalanxistas -, destinados a axilizar e perfeccionar o labor represivo liderado polo aparato militar golpista e avalados por  un sector da cidadanía, de difícil cuantificación, que os alentan, avalan ou consenten.

1. O protagonismo da muller

En semellante contexto de conculcación dos dereitos humanos as mulleres non fican á marxe do grande bucle da represión. Unha grande parte vense integradas no proceso en calidade de parentesco coas vítimas masculinas, amplamente maioritarias nos casos de morte ou procesamento. Nesta nova realidade, son diversos os papeis que se ven obrigadas a desempeñar, asumindo moitas a cabeza da familia na ausencia do home. Ausencia, en principio temporal aínda que en miles de casos definitiva, que pasa, inicialmente, pola busca do paradoiro dos detidos e o seguimento no seu proceso represivo, aportándolles afecto e, na medida do posible, información e axuda material, actividade necesaria pero que lles reporta un completo trastorno emocional e vital, incrementado nos casos en que a detención desemboca en morte, en ocasións comunicada de forma despiadada. 

 Ao mesmo tempo, a muller é vítima dunha cotidianidade caracterizada por rexistros domiciliarios - en non poucos casos levados a cabo por persoas coñecidas das que nunca terían esperado semellante comportamento - acompañados de ameazas, saqueos ou maltratos, ás veces inferidos aos fillos menores con grande ensañamento. Tamén sofren a estigmatización ou exclusión social: a dificultade para acceder a un posto de traballo; vexacións nas relacións cotiás, como as burlas e menosprezos na propia tenda do barrio ou, incluso, a integración forzosa e humillante nos múltiples e habituais desfiles conmemorativos das vitorias "nacionales". Recordo indeleble na memoria dunhas orfas da represión en Bueu que, refuxiadas coa súa nai no faiado, soportan gritos e golpeos na porta da casa familiar, reclamando a súa asistenza ás manifestacións de gloria.       

Este proceso de vitimización trasládase da muller adulta ao mundo dos menores, especialmente no caso das nenas e adolescentes que, ante a desaparición, morte ou encadeamento da nai e o pai, maduran precozmente ao fronte da familia entre terrores dos que lles quedan moi vívidos recordos. Entre os que aflora un tema non por pouco coñecido inexistente como é a entrega de nenas e nenos de curtas idades a outras familias. Tampouco faltan os casos nos que as nenas que viven en contextos de persecución, asumen nos seus xogos a figura do represor, como acontece coas fillas dun anarquista coruñés que teñen como habitual xogo ser Blanco y Pellicer, os gardas civís que constantemente acoden ao seu domicilio na busca do pai.

En paralelo aos milleiros de mulleres que padecen a represión coma vítimas colaterais, un número significativo de mulleres van ser vítimas directas desta. Así o poñen de relevo as depuracións das funcionarias, especialmente, polo seu volume, das mestras e, sobre todo as 80 mortas que actualmente se poden contabilizar ou as 320 procesadas. Parte delas sentenzadas a  prisión e cunhas vivencias similares ás dos presos masculinos, agás un importante e singular feito que motiva unha particular relación de solidariedade entre as reclusas: a convivencia en prisión con fillas e fillos de curtas idades, en casos con nacemento nos recintos penitenciarios. 

Ao igual que os homes, as mulleres van ser sancionadas, enxuízadas, postas ante pelotóns de fusilamento, atopadas tiroteadas nas cunetas ou desaparecidas, quedando documentos e memoria que así o confirman. Sen embargo, outras formas represivas só poden ser detectadas a través dunha memoria que comunmente as asocia a castigos infrinxidos á muller. No caso das rapas e purgas, sistematicamente repetidas no común de Galicia, abandónase a aparencia de legalidade dos tribunais militares e a nocturnidade dos paseos e escenifícanse á luz do día, mediante unha sorte de "desfiles" públicos, ca fin de promover a humillación das mulleres nun marco de abusos e escarnio dos vencedores e a impotencia dos vencidos obrigados a contemplar estes actos sen ousar intervir paralizados polo terror. Ringleiras de mulleres son conducidas, ás veces acompañadas de golpes, polas rúas en dirección a sede de Falange ou ás dependencias municipais, onde son peladas, purgadas e devoltas á vía pública para que podan visualizarse os efectos do castigo. As vítimas peladas, ademais de verse privadas dun símbolo de beleza ou coidado persoal, son marcadas socialmente cunha vexación pensada para ser contemplada no día a día e que, por extensión, sinala a súa familia. Incluso, nun intento de ultraxe, non faltan exemplos nos que esta tarefa recae nun parente da vítima ou nun personaxe significado politicamente na comunidade no recente pasado republicano.

As veces, defraudando as expectativas dos represores, algunhas mulleres son quen de rebelarse contra a pretendida vergoña social e, posiblemente, como unha forma de amosar desprezo tanto polo castigo como polos que o levan a cabo, mostran publicamente a súa cabeza pelada, incluso facéndose fotos que negan o esquecemento e fan perdurar unha memoria na que tamén se poden rastrexar dende exhibicións públicas de mulleres espidas ate violacións.

2. Visibles e perseguidas: unha explicación da represión da muller 

Unha razón para que a muller sufra directamente a represión é o seu papel na protección de familiares perseguidos evitando ou dificultando o labor represor. Un exemplo, dos que teñen un resultado máis extremo, é o dunha muller de Mos, que por agochar ao seu marido -posteriormente morto-, asiste á tortura do seu fillo maior sendo finalmente paseada, deixando orfos e orfas que, ante a dificultade de poder demostrar a morte dos seus proxenitores, malvenden os bens familiares a un veciño adicto ao golpe.

Pero, a muller convértese en perseguida en función do seu posicionamento, actividade e actitude antes e despois do Golpe de 1936. É suxeito, pois, da represión, na medida que se ten significado no exercicio dos dereitos que ten conquistando durante o primeiro terzo do século XX e que se verifican na experiencia democrática da II República, mediante a cal, aínda que con eivas, comezan a integrarse como suxeitos políticos en igualdade cos homes. O que non deixa de supor un recoñecemento como cidadá, concretado dende o plano sindical ate a lei do divorcio.

As vítimas femininas sono por reivindicativas, cultas ou modernas. No que atinxe ao primeiro aspecto, contemplado dende unha dimensión sociopolítica, representan dúas xeracións activas e significadas na esfera pública. Así, en lugares como Bueu as "peladas" son recordadas como mozas traballadoras da industria conserveira reivindicativas na esfera laboral, transcendendo algunhas á política, encabezando un acto conmemorativo portando unha bandeira republicana de confección propia.Nas causas militares obsérvase como é común atribuírlle as procesadas unha "ideología de izquierdas", "ideas comunistas" ou "ideas avanzadas", facéndose merecedoras das penas máis elevadas, caso das executadas Consuelo Alonso González, alcumada "La Comunista" e acusada de ser enlace dos fuxidos ou Amada García Rodríguez, militante do PCE. Quizás o exemplo máis paradigmático da represión da muller en función da súa implicación na esfera pública, sexa o de María Gómez, única alcaldesa de Galicia en 1936, sentenzada a pena de morte, posteriormente conmutada por cadea perpetua.  

Outras motivacións da represión só se poden identificar a través da memoria. Caso da cultura e a formación para obter un emprego fora do fogar, aspiración dunha nova xeración de mulleres. Identificándose nalgunhas localidades maioritariamente entre os desfiles de rapadas a estudantes de clase media, con perspectivas profesionais. Moderna aspiración, que supón unha diferenciación cultural respecto ás fillas das clases altas, con pautas de comportamento tradicionais no ámbito da formación feminina, e que as sitúa no punto de mira dunha represión que, máis aló do estrictamente político, combate distintas transformacións dos hábitos de vida, producto de lo que se coñece por modernidade. 

A memoria tamén sinala entre as represaliadas a mozas que teñen rexeitado propostas de relaciones sentimentais con algúns dos que van desempeñar o papel represivo. Vivencias que non deben ser infravaloradas fronte a outras causas de represión, xa que significa un posicionamento máis libre por parte das mozas na sociedade, facendo uso dos seus dereitos na elección da súa parella, feito inaceptable para un grupo de homes que, nun contexto de represión e ausencia de dereitos, poden resarcirse da súa situación de pretendentes rexeitados.

Todas estas realidades represivas evidencian un ataque á modernidade entendida como progreso social, encarnada polas novas actitudes da muller na sociedade, que a converten en obxecto dunha represión organizada que promove dende o seu asasinato ate a súa humillación pública. Humillacións que, seguindo idéntico guión, se escenifican na totalidade do territorio galego, cun volume de vítimas, sen dúbida, moi elevado, aínda que moi difícil de precisar.

3. Vítimas, símbolos e mitos

En ocasións, a represión exercida sobre algunhas mulleres executadas ou paseadas pasa a ocupar un lugar referencial nas memorias transmitidas nunha comunidade. Sendo rememoradas mediante relatos, en grande medida coincidentes, que evidencian una notable compoñente simbólica e mítica. Pódense, así, aprehender diversas categorías simbólicas identificadas co xénero feminino:

- A muller-exemplo. Representa un modelo de valentía fronte aos acontecementos represivos que van a dar lugar a la perda da súa vida. A súa morte lémbrase como un enfrontamento final ante os fundamentos da represión, dignificando coa súa actitude todos os valores cos que esta quere acabar. Neste caso, é preciso volver a retomar a figura de Amada García Rodríguez, cuxa execución nun recinto militar, vai ser contada, lembrada e transmitida como un acto de valor, no que a súa figura destaca entre os homes enfrontados con ela ao pelotón de execución, ao que encara sen venda nos ollos expresando as súas ideas. Este relato cobra maior relevancia, si se ten en conta que vai ser transmitido por un preso tamén vencellado ao PCE. Independentemente do grao de verosimilitude dos feitos, asístese á mitificación dunha muller, recordada como un exemplo a seguir pola fe nos seus ideais. Recordo heroico que se difunde nun contexto político de clandestinidade e guerrilla, moi necesitado da actividade da muller, cando menos, como apoio ou enlace. 

Fronte a esta imaxe, en certa medida triunfalista, nun contexto máis íntimo como o da propia familia, a morte da muller é transmitida con tintes máis crus e desprovistos de todo contido épico. Mulleres que case non poden terse en pé ante a perspectiva de que pronto acabarán coa súa vida e ás que se lles cede unha cadeira para que o seu "paso por las armas" sexa más decoroso ante os ollos dos seus executores.

 - A muller-comunidade. Como este nome indica, trátase dunha persoa con identidade e raíz definida, cuxa morte é lembrada na memoria colectiva da comunidade á que pertence. Un caso concreto é o da coñecida como "A Capirota", personaxe recordado polas persoas coetáneas ao proceso represivo e transmitido aos seus descendentes na vila de Marín. A lembranza da súa morte, non exenta de detalles reveladores dun gran ensañamento, xunto coa memoria do particularmente acontecido no seno de cada familia que sufre a represión, eríxese en símbolo desta na comunidade, da brutalidade e senrazón que leva aparellada e, sobre todo, da imposibilidade de xustificala.  

- A muller-terror. Trátase dun caso totalmente contrario ao anterior, xa que nin pertence á comunidade que a lembra nin se coñece a súa identidade. A súa imaxe serve para reforzar o medo nunha localidade. Así pódese apreciar na vila de Bueu, onde segue vivo o recordo dunha muller nova morta, exposta nun camión que circula polas rúas, feito que uns aseguran ter visto e outros oílo contar no seu momento. Asístese así a unha propagación do terror con todo o grado de paralización social que este poda levar aparellado, acompañado dun claro mensaxe de que a muller non queda exenta de persecución.

- A muller-indefensión. Esta tipoloxía ven a significar unha imaxe de conmiseración cara os perseguidos e, ao mesmo tempo, pode incluso xerar un conflito de conciencia nos propios represores. Tamén é verdade que o coñecemento destes casos mantense moito máis opaco. É especialmente elocuente o testemuño dunha muller de Bueu que rememora a confesión feita por un falanxista arrepentido. Nun dos "paseos" nos que participa, ten o cometido de eliminar a unha moza. Durante o traxecto, esta mostra unha imaxe total de indefensión coa que busca mover a piedade dos verdugos. Ante esta situación, o seu potencial executor é incapaz de desempeñar o seu papel e a experiencia vivida lévao a desvincularse dos grupos represores, ademais de xerarlle secuelas psíquicas de por vida.

- A muller mártir. As mulleres perseguidas ate o grao da súa eliminación física, son, en determinadas ocasións, susceptibles de converterse en modelos mediante os que se afirman unha serie de valores ou incluso de que se configure en torno a elas unha mitoloxía sobre a que se constrúe un imaxinario colectivo do bando perdedor. Dentro desta mitificación, as asasinadas novas poden ser recordadas como personaxes de especial beleza física. A súa cara, pelo e figura, e incluso o seu propio martirio evocan imaxes da cultura popular tomadas das virxes, santas e mártires abundantes no mundo do catolicismo, dos contos infantís ou, incluso, desde unha perspectiva máis moderna, dos folletíns, en moitos casos, de común lectura na prensa diaria.  

- A muller odiada. No plano contrario, tamén continúan nítidos na memoria os recordos dos que exercen a represión de forma máis directa e contundente, homes na súa totalidade. Sen embargo, non faltan os recordos de mulleres, dalgunha maneira, significadas negativamente na memoria do acontecido. Como amosa, a imaxe compartida das xefas falanxistas de distintas localidades, recordadas na actualidade como mulleres autoritarias e, sobre todo, de gran corpulencia física e potente voz. Outras mulleres,  permanecen na memoria das vítimas dunha localidade, identificadas coa perversión xerada polo contexto represivo. Ben significativo é o caso de Bueu, onde un testemuño tras outro repite a frase lapidaria da, por entón, poderosa muller dun dos máis activos represores locais: "cada vez que matan a uno me como un pollo", na que se xuntan dramaticamente os feitos de recrearse na dor allea nun tempo de terror e poder comer un polo, cando xa a fame comeza a vislumbrarse.    

4. A transmisión do acontecido

Dada a gran maioría de homes mortos e condenados a prisión, a muller, como viúva ou temporal cabeza de familia, vai desempeñar un papel fundamental como transmisora dunha memoria que vai seguir viva, a pesar do gradual interese da ditadura de promover un esquecemento da represión que pasa por vencellala exclusivamente ao ámbito das envexas e as rivalidades persoais, desposuíndoa, en boa medida, de calquera marca de oficialidade e, por conseguinte, culpabilizando á propia sociedade.

Sen embargo, a memoria da represión non só existe, senón que permanece extraordinariamente viva, tanto entre as persoas que a viven na idade adulta, como entre as que son menores e, incluso entre unha primeira xeración nacida ao redor do 36 ou nos anos de posguerra proxectándose cara o futuro. Feito, este último no que convén deterse, xa que indica un importante nivel de consolidación dos relatos transmitidos nun ambiente caracterizado pola fame, o medo e as cautelas, obrigando a que sexa o ámbito familiar o máis propicio para levar a cabo unha transmisión da memoria focalizada en torno á vítima ou vítimas familiares.

En liñas xerais, pódense apreciar tres actitudes en canto á xestión da transmisión da memoria:

- Transmisión aberta. Mediante a que na familia se explicita claramente o feito represivo padecido e os menores crecen coñecéndoo como algo natural, pasando a formar parte da memoria familiar sen temores nin vergoñas. En moitos casos dignificando abertamente á vítima fronte aos seus verdugos ou a ditadura franquista.

- Transmisión difusa. Neste caso, as nais ante o medo ás posibles consecuencias que o relato poda reportar aos seus fillos, non transmiten os feitos dun xeito directo aínda que tampouco os ocultan, formando parte de conversacións reservadas a adultos e ás que os menores van accedendo de forma fragmentaria ate chegar á idade adulta. Neste caso, sen explicitalo, tamén se manifesta no seno familiar un posicionamento oposto á mensaxe oficial, fiel a unha memoria con vocación de permanencia.

- Negación da transmisión. Hai situacións nos que o trauma que supón a represión non pode ser superado. A muller amósase como un ser derrotado e incapaz de transmitir aos seus descendentes o acontecido. Nuns casos, o desconcerto e as ganas de coñecer unha realidade que sospeitan, fai que estes recorran a outros parentes ou a veciños. Outras experiencias amosan un descubrimento tardío e abrupto da verdade, chegando, incluso, a supoñer unha radical transformación vital. En ocasións, este silencio materno, difícil de satisfacer por outras vías, sen pretendelo, contribúe a que os membros menores da familia vaian madurando coa sensación de que o seu pai puidese ter  sido culpable de algún tipo de delito ou ter tido un comportamento similar ao dos represores, xerándolles, en casos extremos, un grave malestar psicolóxico. Ao mesmo tempo, seguindo o exemplo materno, negan a transmisión do acontecido á súa futura familia.

A transmisión da memoria ten o seu propio comportamento interno. Así, o feito de que se leve a cabo no contexto do franquismo e que esta recaiga, en moitos casos, nunha muller escasamente politizada antes do golpe, permite que sexa rica en canto ao carácter humano e proceso represivo da vítima, pero moito máis difusa no que respecta á súa pasada actividade socio-política. 

A vivencia ou coñecemento da represión, vaise converter en si mesmo nun referente sobre o que establecer unha particular oposición ao réxime franquista. Deste modo, a diferencia da minoría que opta pola loita armada ou a actividade política clandestina, a maioría das familias sinaladas pola represión practican unha oposición silente pero, en moitos casos, visceral cara o franquismo, non estruturada en torno a un discurso ideolóxico senón á propia memoria dos acontecementos vividos, núcleo dunha sorte de "ideoloxía" de substitución, ao redor da que sobrevive un silente pero, en definitiva, notorio antifranquismo sociolóxico

5. A represión: significado e recordo

A represión é un mecanismo no cal se asenta a instauración dun réxime dictatorial, que destrúe a experiencia democrática precedente e xera unha desconfianza e medo futuro cara a actividade política e a participación social. Tamén supón a eliminación física ou a total marxinación dos sectores máis dinámicos que afecta á propia estructura dunha sociedade que se resinte en múltiples aspectos, dende o ámbito da cultura e a difusión desta ate o plano do asociacionismo voluntario, como o caso do deportivo. No que atinxe á muller o retroceso é brutal, porque fican cercenados os dereitos adquiridos e a súa progresiva visualización social. 

Pero ademais das perdas no sentido político e social que significan un paso cara o atraso e ocultan a xeracións futuras moitos dos avances producidos dende o fin de século XIX e ao longo do primeiro terzo do século XX, non se poden esquecer as perdas humanitarias, aínda hoxe por contabilizar e condear no conxunto dunha sociedade que se chama democrática e que non debería consentir a ocultación de tanta morte, aínda presente en foxas esquecidas polo propio sistema xudicial, como tampouco debería permitir a utilización política das vítimas, recuperando con maior ou menor intensidade a súa memoria en función da súa suposta ideoloxía política ou militancia sindical, porque todas deberían ser patrimonio dos que apostan pola defensa dos dereitos humanos en calquera lugar do planeta.    

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez