Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Casas refuxio ata a morte

As mulleres dos barrios proletarios, como o das Atochas da Coruña, converteron con frecuencia as súas vivendas en casas refuxio para os fuxidos. Esta actividade foi particularmente importante na periferia proletaria de Vigo, en concreto en Teis e Lavadores, onde a resistencia antifascista foi máis intensa e onde pereceron varias mulleres a mans dos represores. 

Ángela Iglesias Rebollar, chamada A Protestante, foi paseada, estando embarazada, co seu marido José García Niebla no Monte da Guía en 1937, tras o asalto da súa casa no barrio do Toural en Teis (Vigo). Os seus dous fillos foron separados para sempre, a súa vivenda saqueada e os seus bens queimados, incautándoselles unha máquina de coser.

casa da ánxela de Teis
no 101 do Barrio do Toural
dela quedou só a vida que deu
e a máquina de coser memoria
arrolando o fillo non nacido
os refuxiados polos que morreu
os fuxitivos que aínda hoxe
non sabemos que o somos

Tamén as parentes Manuela Posada González e Matilde González Rodríguez, da Bouciña (Lavadores), foron baleadas nun masacre exemplarizante en 1937 xunto a numerosos familiares.

Lavadores enteiro
enchoupado en sangue
dende a cova da casa
da familia González da Bouciña

En Ourense, a familia González Cudeiro sufrirá unha brutal represión por dar acubillo a fuxidos, padecendo a morte do pai e diversos maltratos e encarceramentos dende 1936. As irmás Luísa e Josefina González Cudeiro coñecerán o cárcere durante a guerra e durante a posguerra, así como tamén o exilio.

Ai!. Iso foi horroroso, para nós foi horroroso. O noso papá era republicano, pero non estaba afiliado nin nada. El sentía a República. Pero resulta que non quería que foran á fronte os meus irmáns maiores, dous irmáns que os collía a guerra. Entón eles escondéronse na casa.

Había outro mozo tamén en fronte da nosa casa, que vivía alí, e tamén se meteu na nosa casa para que non o colle- ran, porque o perseguiron. Entón estiveron dende o día primeiro, dende o dezaoito de xullo, ate o día vinte e seis de marzo, estiveron escondidos, debaixo ... como se fose unha carboeira (...) Niso sae un bando de Franco, que toda persoa que tivera un escondido que non fora fillo ou unha cousa así, pois sería pasado polas armas.41

Nós collemos medo... Porque nós eramos pequenas (...) e sempre, sempre estabamos na galería vendo se viñan os outros... os fascistas, a rexistrarnos a casa (...) Pasabamos (...) todo o tempo, todo o tempo na ventá, con frío e todo (...)

E logo, veu un día que era o vinte e seis de marzo, que como era a Semana Santa, o Sábado de Gloria, pois foron a buscalos (...) e aquel día si que os colleron, colléronos porque aquel que tiñamos na casa tusía moito, moitísimo... e había unha veciña ó lado que tiña o marido preso, e entón ouvía tusir, e dixo (...) —Eu sei onde están os Cudeiro (...) e vou dicir onde están porque dixeron que así soltaban ó meu marido (...) dixéronlle que lle soltaban ó home se dicía onde estaban e ó final non llo soltaron tampouco.

Entón xa o colleron e o día primeiro de abril xa fusilaron a papá... Estaba no cárcere cunhas palizas terribles (...) Colleron a todos, levárono a el, levaron a mamá, levaron ós dous irmáns, levaron a todos (...)

Había un veciño que vivía en fronte da nosa casa que tiña catro ou cinco fillos, todos pequeniños, e porque tiña a radio coa zona republicana, matárono. Simplemente por iso, matárono... e quedou ela con todos os fillos (...)

Beatriz Graña Pérez, “Terror en Ourense. Declaracións de Josefina e Luísa González Cudeiro”, Unión libre, 9, Memo- ria Antifascista de Galicia, 2004.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez