Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Campesiñas dos brazos abertos

Malia a que entre as labregas existía un menor grao de conciencia política e de afiliación sindical que entre as proletarias, foron moitas as mulleres campesiñas que se opuxeron ao fascismo dende o primeiro momento e mesmo que morreron por iso. 

Carolina Regueiras, vinte e catro anos, 
natural de Bóveda de Amoeiro,
muller dun libertario e namorada,
supliciada en Ponte Irixa pola besta
e tirada en Tamallancos pola estrada 
e ámote anarquista ata a cuneta.

Porque non nos deixan cruzar co seu horror 
cruzaremos soamente con amores.

A maior parte das labregas asasinadas fórono en represalia por agachar parentes ou coñecidos nas súas casas. De feito, foi frecuente o caso de liquidar xuntos varios membros dunha mesma familia.

Juana Ferreiro Rodríguez, das Barosas de Filgueiras (As Pontes), foi asasinada o 5 de setembro de 1936, co seu marido, Manuel Ramos Fernández, e dous fillos varóns (salvouse no último momento unha filla alí violada).

Emilia Cabaleiro Amoedo foi torturada e asasinada co seu fillo Antonio en Cabeiro (Redondela), o 16 de xullo de 1937, e abandonada con el no Alto da Concheira.

Matria de Barosas,
matrona de Cabeiro

matriciais e nutricias elas
eran República
sen sabelo

foron vexadas, torturadas 
ata o límite do que pode soportar
a mente amante
e o corpo resistente
dunha nai ante o sadismo

ninguén padeceu tanto en menos tempo

eran a terra metrallada nas raíces
no tempo das verzas de chumbo letal,
das patacas de pólvora explosiva,
das espigas de granadas rompedoras,
das mazarocas de dinamita
a punto de estoupar
eran terra nai nun tempo inconcibible

As irmás Felicitas e María Josefa Casabella Fernández e a moza Encarnación, filla da primeira e sobriña da segunda, foron asasinadas en Candedo (Ourol), en 1938, e Concepción e Remedios Fernández Cadórniga, de Val-Rubiá (Rubiá), tamén do mesmo sangue, pereceron baleadas en 1939.

a casa é a morada 
do non ser

refuxios espallados
como un colo
dende A Mariña á Raia
metrallado sen do

morrían en familia
ou sen familia morrían
por non negar

que elas coñecesen
a casa do ser
que tanto deron

que merezamos todos
ser admitidos nela

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez