Franquismo e represión de xénero en Galicia

Represión e xénero

A variable de xénero non é susceptible de ser illada doutras que interveñen no proceso represivo xa que aínda que os cargos e as circunstancias sexan parellas para un home como para unha muller o castigo imposto non foi sempre coincidente. Isto non é óbice para establecer unha serie de pautas que permiten afirmar que o xénero é unha variable que debe ser considerada á hora de analizar o proceso represivo; e de feito, os mesmos represores manifestan en repetidas ocasións que as súas decisións con relación ás mulleres están inspiradas en non poucos casos polas "circunstancias propias de su sexo". Por outra banda, existen abundantes exemplos nos que ser home ou muller non semella ter influído na imposición da condena aplicándose idéntica sanción a ambos.

Determinada "especificidade feminina" xogou ás veces a favor é outras á contra da muller á hora de establecer a pena. Así, existen casos —aínda que en conxunto menos abundantes—, onde as representacións das mulleres levaron consigo a imposición dunha penalidade agravada xa que nestes supostos quíxose ver nelas a elementos hábiles para "secuestrar la voluntad de sus maridos, dominantes en sus hogares, propagandistas eficaces de doctrinas desintegradoras, fanáticas susceptibles de tener aterrorizados a sus vecinos, incitadoras a la rebeldía, cabecillas de acciones disolventes, entusiastas revolucionarias dispuestas a pasar a cuchillo a las gentes de orden, degeneradas peligrosas para el Movimiento". Pola contra, outras veces, ser nai, esposa ou "una simple mujer" exonerounas dunha pena segura.

En Galicia hai abundantes exemplos que certifican o diferente trato que os tribunais militares dispensaron a homes e mulleres. Nalgúns casos debido aos perxuizos xa relatados, noutros como consecuencia de sublimar a súa condición de nais ou fillas das que dependía o sustento familiar xustificaron un tratamento máis benigno.

Por outra banda, resulta difícil extrapolar un perfil de muller executada en Galicia. Si utilizamos un criterio restritivo en canto ao procedemento sumarial deberiamos limitar o número de fusiladas a dous e o único nexo en común entre elas sería o de desempeñar certa actividade política durante a etapa republicana. O mesmo podemos sinalar para as mulleres asasinadas extraxudicialmente.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez