Franquismo e represión de xénero en Galicia

Muller e morte extraxudicial

Destaca a porcentaxe de mulleres que perecen nas refregas ocorridas durante as primeiras xornadas da sublevación ao estar domiciliadas nalgunha das cidades nas que se opuxo unha resistencia ao golpe. Por outra banda, tamén é significativo o número de mulleres —dez— que morreron en operacións de castigo e limpeza.

As quince execucións extraxudiciais por orde militar dan cabida a realidades diferentes. Por unha banda están os sete asasinatos nos que non resulta fácil discernir si as autoridades quixeron mesturar a aplicación dos bandos de guerra coas prácticas propias dos paseos, ou si decidiron acabar coas súas vidas mediante unha modalidade "extranormativa" sen consideración algunha a outro tipo de circunstancias.

Respecto ás mulleres que figuran como paseadas —vintesete— entre 1936 e 1939 resulta practicamente imposible profundar nos seus itinerarios vitais, pois as circunstancias exactas da morte dunha parte significativa delas énos aínda descoñecido. Aínda así, podemos afirmar que é maior o número de mulleres maduras, traballadoras no sector primario e as que constan como dedicadas a tarefas do fogar. Pola súa especial relevancia, habería que mencionar a dúas mestras paseadas e a unha funcionaria, esposa, ademais, do gobernador civil republicano da Coruña fusilado polos rebeldes.

As mulleres paseadas que destacaron pola súa actividade política na República ou tiveron un papel relevante na resistencia ao golpe non chegan ao 30%, e a protección a elementos fuxidos buscados polas autoridades semella foi a causa do asasinato de algo menos da quinta parte dos casos.

A represión física con resultado de morte sobre as mulleres en Galicia para o período 1936-1939 presenta algunhas diferenzas notables con respecto aos homes, tanto no número menor de falecidas como na represión implementada sobre elas que non estivo guiada por unha lóxica de exterminio ou de aniquilación, senón máis ien pola de exemplaridade.

É máis elevada a porcentaxe de mulleres executadas extraxudicialmente fronte ás condenadas a morte en consello de guerra. Sen embargo, cando o fusilamento responde a ser pasadas polas armas sen formación de causa ou tras un xuízo sumarísimo sen outro elemento de discernimento que o atestado da forza que as captura a presenza dunha muller diante un pelotón de fusilamento foi habitual.

María Suárez Vázquez

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez