Os tres fusilamentos de Montecubeiro (Castroverde, Lugo) relacionados cos fuxidos, presentan un modus operandi singular: datas diferentes e orde militar directa, pero cunha dinámica máis propia dos paseos. Os tres gardan, más alá dos aspectos formais, evidentes paralelismos coas cinco execucións sen formación de causa, catro da provincia de Ourense e unha da de Pontevedra: aldeas de marcado carácter rural, problemática dos fuxidos e mulleres con algún tipo de relación familiar ou de amizade con eles. As diferenzas formais non van más alá de que os fusilamentos sexan decretados e executados polos responsables das patrullas ou "brigadilla" ou polas autoridades militares e que se leven a cabo no lugar de residencia das implicadas ou na capital provincial previo paso por un centro de reclusión. Na maioría dos casos non consta unha actividade política ou social anterior das vítimas.
Por outra banda, para 21 mulleres asasinadas, o decisivo foi a súa actividade solidaria con elementos "escapados" ao seren familiares directos ou manter compromisos de veciñanza e en menor caso, por compromiso ou simpatía militante. A represión sobre as mulleres que non tiveron protagonismo político pero que perderon igualmente a vida foi debido fundamentalmente por proporcionar refuxio, alimento, vestido e seguridade tanto a homes que se agocharon durante a primeira fase represora, como aos que desertaron da guerra, como os que decidiron enfrontarse ao réxime franquista formando parte das partidas guerrilleiras.