As asasinadas foron, polo xeral, ás que daban a imaxe de transgresoras, as que non encaixaban no prototipo de muller tradicional consagrada a unha vida de "abnegación e sacrificio". E esas foron as primeiras en caer. Había, tamén, unha función marcadamente exemplarizante destinada a fixar os límites do que era e o que non era tolerable para una muller na nova orde franquista.
As particulares concepcións dos golpistas sobre a muller funcionaron ás veces en sentido contraditorio: unhas responsabilizándoas da inoculación do virus marxista en toda a sociedade e outras negándolles a capacidade de pensar de forma autónoma. No discurso androcéntrico dos sumarios militares podemos encontrar abundantes exemplos do primeiro, pero son máis numerosos aqueles que insisten en negar a posibilidade de que as mulleres tivesen capacidade para desenvolver unha conciencia política independente do homes da casa, ben fose o marido, o pai ou o irmán.
Tamén, é perfectamente observable un dimorfismo de sexo nas sancións —maiores penas para os varóns acusados de idénticos actos— que certifica que á hora de esixir responsabilidades, mulleres e homes non foron representados coa mesma perigrosidade.
Respecto ao perfil de muller represaliada, o esencial non reside en cuestións de idade, estado civil ou extracción socioprofesional. O verdadeiramente significativo está na determinación dos móbiles e do contexto que conduce ao asasinato: a participación ou non nos grandes debates sociopolíticos do seu tempo.