A presenza da muller na vida política republicana discorreu máis discretamente que a dos homes, cuns reducidos niveis de participación política e social a pesares dos avances que supuxo a experiencia republicana. Aínda así, houbo mulleres sancionadas tralo golpe de estado por actos de auxilio a fuxidos ou de "ofensa" ou "inxurias" ás forzas de orde. Moitas das acusadas por estes motivos acabaron en execucións extraxudiciais.
Alentar a «revoltosos», transportar armas, municións, alimentos, novas, servir de enlaces, actuar como enfermeiras, participar nalgunhas requisas e contadísimos saqueos, confeccionar brazaletes para identificar aos milicianos, estar presentes no intre en que se cortaban estradas....
Estas foron as funcións desempeñadas polas mulleres na resistencia na Coruña, Ferrol, Mugardos, Betanzos, Negreira, Ribadeo, Ourense, Vigo…
Por agochar a un fuxido buscado polos tribunais de guerra foi executada Erundina Álvarez Pérez en Ourense; por un cúmulo de acusacións inconexas foi condenada a morte Consuelo Alonso González en Lugo; a Amada García Rodríguez execútase en Ferrol polos seus antecedentes "extremistas".
O elemento fundamental que explica a reducida presenza da muller como represaliada correspóndese coa escasa participación pública durante a etapa republicana en Galicia, tanto desde o punto de vista da militancia activa en organizacións políticas de signo esquerdista como en ao desempeño de cargos públicos de elección. Esta menor presenza no ámbito público é tamén evidente na esporádica participación nos episodios de resistencia no territorio galego e aínda así un 17% do total de vítimas morreu en tales circunstancias.