Abre a obra un limiar a cargo de Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e Emilio Grandío, que contén un pormenorizado análise dos datos da represión en dez concellos da bisbarra coruñesa: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada, abordando a estrutura social e laboral, militancia, distribución xeográfica e outras características relevantes para entender o como e o por que da represión
“A represión física da comarca coruñesa entre os anos 1936 e 1939 ten unha característica propia: esténdese a toda a súa estrutura social, aínda que en distinta medida. Nesta listaxe encontramos desde propietarios até sindicalistas, pasando por militares, industriais ou profesores.”
“Perto da metade das persoas represaliadas pertencen ao sector secundario. O segundo grupo en número de vítimas sería o sector servizos, cun 20% aproximadamente das vítimas mortais localizadas. Os represaliados procedentes do sector agrario representan tan só o 8%. No caso da industria pesqueira e os seus derivados, presente tan só en catro concellos da bisbarra (Coruña, Sada e en menor medida Oleiros e Arteixo) é semellante á do sector agrario mais correspóndese cun volumen de poboación moito menor. A intensidade represiva neste segmento é, pois, notable. A isto hai que engadir dúas singularidades: o importante número de mortos procedentes do exército e dos institutos armados, que significan arredor dun 10% do total dos que temos datos.”
“Respecto do 60% do que temos datos da súa filiación ou pertenza a algunha formación sindical ou política, é notorio o dominio do anarquismo e do sindicalismo libertario ou anarcosindicalista. Moito menor é o número de afiliados ás organizacións de orixe marxista, arredor dun 20%. O 15% restante é protagonizado polos grupos republicanos burgueses, que representan un 11’5% das vítimas, cun predominio da forza republicana predominante na cidade: a ORGA-PRG-Izquierda Republicana”
“Os datos de procedencia social e económica, xunto aos de filiación política, proban que a represión nesta comarca tivo unha extensión maior que a redución a un conflicto de clases stricto sensu, malia que sen esta confrontación clasista tampouco sexa posible entendela.”
“Dos lugares de morte hai que diferenciar entre os espazos onde teñen lugar os fusilamentos, condicionados pola existencia dos tribunais militares que os deciden; o concello da Coruña, sede do Tribunal Militar IV, sitúase á cabeza dos lugares onde se cometeron os crimes, nun total de 150 casos, predominando o recinto militar de Punta Herminia – Polvorín de Adormideiras (64) sobre o sinistro Campo da Rata (37). Mais temos 49 persoas fusiladas na Coruña das que descoñecemos o lugar onde morreron. Hai un número importante de fusilados en distintos lugares do concello de Ferrol (14), debido a que alí estivo radicado o Tribunal da Mariña, mais tamén aparecen noutros municipios con presenza de tribunais militares como Santiago, Poio, Lugo ou Tui.”
“Respecto aos coñecidos como “paseos”, o concello herculino segue a ser o lugar mayoritariamente elixido para esta práctica (en 90 ocasións). No referente aos municipios da bisbarra, enxergamos unha mesta xeografía da represión mortal.”
“Tamén achegamos datos de mortes nas distintas prisións e campos de concentración, por confrontacións armadas nos primeiros días do golpe militar ou por operacións de castigo e limpeza realizadas nestes anos. Por útlimo apórtanse datos dos que non se volveu a saber nada, os “desaparecidos”