Referirse á memoria, reconciliación, pasados incómodos ou cultura de paz no s. XX, pasa necesariamente por América latina. Os conflitos sociopolíticos dos anos sesenta en adiante deixaron secuelas importantes en canto á violación de dereitos humanos, a xestión desa memoria e o seu papel nas actuais sociedades, así como nas canles para superar os traumas e problemas herdados. As experiencias vividas desde os primeiros anos oitenta en América latina no que comunmente se denomina xustiza transicional amósannos avances significativos e en moitos aspectos novos respecto ao realizado anteriormente (Nüremberg). Se ben certos logros e actuacións nalgúns países conviviron con serias dificultades para lograr avances significativos noutros hai unha bagaxe importante que fai da rexión punto de especial interese nestas cuestións tanto per se como por canto de exemplo e de punto de comparación poida ter. Comisións da verdade, xuízo aos responsables, traballos da memoria, organización da sociedade civil para a resolución dos traumas derivados e debates actuais en torno á cuestión son parte do grande interese e aporte da área a un estudo de carácter transnacional.
Memoria, verdade e xustiza é a proposta derivada da saída das ditaduras latinoamericanas que afecta e condiciona a cuestión memorial a partires dos anos noventa. Non é posible a memoria compartida, só pode ser conflitiva. A normalidade nunha democracia madura é que o conflito non derive en problema, senón na capacidade para resolvelo. A reconciliación é a linguaxe dos vencedores usada en España polos vencidos, non en América.