Neste apartado pretendeuse reflicten unha visión xeral dos discursos e políticas da memoria europeas durante os últimos corenta anos así como da súa evolución. Sitúanse, cronoloxicamente, nos tres escenarios principais nos que se sitúa o debate da política da memoria europea, como así se manifestara igualmente nas diversas iniciativas levadas a cabo polo Parlamento Europeo desde o 2005 para establecer unha serie de pautas comúns con vistas a fixar os parámetros dunha “memoria europea”.
Despois de 1989-1991 aconteceu o debate sobre os crimes e a violencia de Estado perpetrada polos réximes comunistas e a súa equiparación moral cos perpetrados polo nazismo. As novas repúblicas bálticas e do espazo exsoviético, xunto ás antigas “democracias populares”, procederon a derribar estatuas de estadistas, militares e soldados que representaban para elas corenta anos de opresión e establecéronse museos do totalitarismo nos que se equipara as ocupacións nazi e soviética, interpretando o pasado recente do continente sobre a base da experiencia de dous totalitarismos simétricos. Deste xeito, entendíase a guerra civil española, desde ese prisma pasando de ser vista como o escenario romántico dunha primeira loita contra o fascismo a ser un enfrontamento entre totalitarismos.
Tamén se destaca a violencia exercida pola civilizada Europa fóra do continente—desde as formas de escravitude tardías do s. XIX até as modalidades de traballo forzado, espolio dos recursos naturais de Asia, África e América e as innumerables vítimas civís causadas polos exércitos coloniais—.
O específico de España a respecto das experiencias europeas é a forza que ten o denominado “dereito ao esquecemento” colectivo, mentres en Alemaña ou noutros estados o que se discute é como recordar. A construción da memoria debe ser unha tarefa de larga duración e estrutural para os historiadores, se atendemos ás experiencias europeas. Non existe un patrón antifascista común en Europa, e o pasado é afrontado en cada país en función de intereses concretos; polo que é necesario integrar o discurso da represión no ámbito da Europa do Este no xeral da represión no mundo occidental.