"José Pasín Romero: memoria do proletariado militante de Compostela (1878-1960)"

Unha nova xeración de militantes obreiros

A segunda década do século XX, trae consigo unha nova fornada de cadros operarios nados entre 1890 e 1900, que vai protagonizar un notorio desenvolvemento do movemento societario compostelán, de maneira que ás tres sociedades existentes en 1910 (canteiros, carpinteiros e ebanistas, amais dos pintores e albaneis), se lles engadirán outras quince máis ao longo do período. Silva, Mareque, Pasín, Nicolás Pardo, etc. abriranlle o camiño, como experimentados militantes que eran xa daquela, a unha xeración sorprendente tendo en conta o talante conservador da cidade: José Silva Martínez (1890), fillo do vello Silva Cobas, canteiro residente no Carme de Abaixo e socialista coma o pai, directivo da Sociedad de Canteros a partir de 1911 e futuro membro do Comité Central do Partido Comunista nos anos trinta; José Villaverde Velo (1894), anarquista temperán e presidente da Sociedad de Carpinteros y Ebanistas en 1915, que chegará a ocupar a secretaría da CNT galega na II República; Manuel Fandiño Ricart (1896), pintor de imaxes, presidente da devandita sociedade do seu oficio no ano 1917 e antecedente de Villaverde como secretario da Confederación Regional Galaica da CNT durante a Ditadura de Primo de Rivera, lembrado tamén como fundador e animador de numerosos colectivos man a man co seu mestre societario José Pasín; Ezequiel Rey Turnes (189?), curtidor do barrio de Casasnovas antes que carpinteiro, directivo da sociedade do derradeiro oficio a partir de 1913 e que terá ocasión de dirixir, en plena Ditadura, o periódico Solidaridad Obrera como voceiro da CRG-CNT.....

O carpinteiro compostelán José Villaverde Velo ocupou a secretaría da CRG-CNT no primeiro bienio republicano

O carpinteiro compostelán José Villaverde Velo ocupou a secretaría da CRG-CNT no primeiro bienio republicano | Proxecto Interuniversitario 'Nomes e Voces'

Caricatura do antigo militante cenetista e dirixente do Partido Federal na II República, Ezequiel Rey

Caricatura do antigo militante cenetista e dirixente do Partido Federal na II República, Ezequiel Rey | El Pueblo Gallego, 5/12/1935

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez