"José Pasín Romero: memoria do proletariado militante de Compostela (1878-1960)"

Tempo de conflitos

As folgas obreiras multiplicáronse por cinco entre 1914 e 1919, superándose os corenta conflitos laborais no devandito período, cunha media superior ás seis folgas por ano. Un detalle para considerar tendo en conta o estancamento á baixa da economía na cidade, foi que maiormente tiveron un carácter ofensivo (incremento dos xornais, como primeira motivación) con saída favorable para os seus promotores. Ou sexa, quizais contaxiado polo incremento da combatividade do proletariado organizado no territorio español e da irreversible crise do sistema político xurdido da Restauración, o obreirismo compostelán sentíase seguro das súas forzas tras a posta en marcha dunha Federación unitaria, na que algunhas sociedades (como a de canteiros) estaban afiliadas á UGT e outras (carpinteiros e albaneis) ás federacións de oficio que mantiveron aceso o facho do sindicalismo apolítico e combativo mentres a CNT estivo desorganizada. Porén, o boicot ao patrón individual e a solidariedade de oficio no ámbito local foron as súas mellores armas: a fórmula máis utilizada foi a folga xeral de gremio para superar o illamento dos conflitos por empresa, sen que nunca se dera o caso dunha folga xeral de todos os oficios por motivos estritamente económicos até a II República. Así, sen emprego das caixas de resistencia (sinal da influencia a cada máis notoria do anarcosindicalismo), o resto dos gremios sostiñan economicamente os compañeiros en folga até se solucionar esta, presentando neste período a conflitividade laboral un aquel de «guerrilla social».

O militante confederal Manuel Fandiño Ricart foi, con Pasín, un dos principais alicerces da consolidación do obreirismo compostelán no tempo da I Guerra Mundial

O militante confederal Manuel Fandiño Ricart foi, con Pasín, un dos principais alicerces da consolidación do obreirismo compostelán no tempo da I Guerra Mundial | Arquivo persoal de Dionísio Pereira

Militantes do PC. Pola dereita o primeiro sentado Marcelino Pasín.

Militantes do PC. Pola dereita o primeiro sentado Marcelino Pasín. | Fondo Carnero Pose. Proxecto Interuniversitario 'Nomes e Voces'

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez