"José Pasín Romero: memoria do proletariado militante de Compostela (1878-1960)"

Santa Marta

Pero Compostelas había moitas, e a faciana granítica e circunspecta do casco urbano en pouco se correspondía co abandono montaraz dos arrabaldes, nos que moraba un paupérrimo proletariado que aínda tiña un pé no traballo da terra, e onde os minguados xornais servían de contrapunto obrigado ás persistentes cargas forais sobre a maioría dos agros e das miserentas choupanas. O barrio, cos seus hábitos tradicionais como as persistentes regueifas co gallo das bodas, foi, antes que o centro da cidade, a «patria miúda» de moitos militantes obreiros e republicanos; entre eles José Pasín, que sempre conservou a expresión de «vou subir a Santiago» dende a súa Santa Marta natal.

 [...] Era costume facer a regueifa por conta dos noivos, o día do casamento, e das mozas e mozos solteiros ao domingo seguinte. O premio da regueifa consistía nun gran molete de pantrigo, que levaba cravado no medio un ramallo cheo de rosquillas e flores. Facíase o baile e, á noitiña, noivos e padriños repartían pan e viño entre todos os asistentes; logo, comezaba a regueifa por parte de poetas improvisados, que trobaban cantares relativos á voda, e concedíase o molete ao que máis lles gustara aos asistentes. Tamén era habitual agasallar as mozas co ramallo de rosquillas. A festa era ben simpática cando os regueifeiros cantaban e se contestaban con graza os uns aos outros, valéndose de versos e chismes maliciosos referidos a asuntos de actualidade; pero a cousa cambiaba cando se metían no medio algúns que, faltos de talento, dicían mil e unha barbaridades entre as asubiadas do público e o asunto remataba en pendencia. A regueifa das mozas resultou divinamente; danzouse nas eiras do «Paxarelo» e da «Maldita», que antes estaban unidas, e pola noite trobaron os regueifeiros con arte e gusto, nun ambiente de diversión e xocosidade. Recibiu o molete dos solteiros o famoso regueifeiro Pedro «O Cagallo», que cantaba ben e medía o verso sen descoidar a métrica e consoantes; ademais, salfería os poemas con xestos e frases de tan cómica oportunidade, que gañou a regueifa por aclamación. Na regueifa que dan os noivos, logo do baile que ten lugar a rentes da porta do domicilio, colócase o molete na fiestra da casa, se a tiña, ou se non na da máis próxima [...]

José Pasín cos membros da Sociedade de Socorros Mutuos, coñecida como a Benéfica de Conxo

José Pasín cos membros da Sociedade de Socorros Mutuos, coñecida como a Benéfica de Conxo | Arquivo familiar Luís Pasin

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez