"José Pasín Romero: memoria do proletariado militante de Compostela (1878-1960)"

Os vencellos co agrarismo: A «Federación de Sociedades Obreras y Agrícolas de Santiago y pueblos comarcanos»

Mediado o ano de 1916, íase conformar unha das iniciativas máis queridas de Pasín que, incentivando o apoio mutuo, dotaría de estrutura supragremial as sociedades de resistencia, ao tempo que consolidaba a avinza entre estas e o agrarismo da contorna, de Ordes a Padrón e de Ponte Ulla a Portomouro: a «Federación de Sociedades Obreras y Agrícolas de Santiago y pueblos comarcanos», inscrita no Goberno Civil o 7 de xullo do ano en cuestión. Pero o proceso da creación da Federación, inspirada no modelo pontevedrés, vén de meses atrás, pois nun mitin celebrado en febreiro en Vilagarcía de Arousa para soster a loita dos estibadores daquel porto, Pasín xa se presentara como presidente dunha «non nata» Federación de Trabajadores de Santiago.

Por certo, o proceso federativo non deixou de atopar algúns atrancos procedentes das ringleiras socialistas e, sobre todo, anarcosindicalistas, se cadra receosos polo fortalecemento dunha organización á marxe das súas respectivas centrais obreiras. Segundo as Memorias, a polémica, provocada polos ácratas da Sociedad de Carpinteros, chegou ao seu punto álxido cando Pasín organizou «as Sociedades de Agricultores das zonas Norte, Sur, Leste e Oeste de Santiago e a de Oficios Varios de Teo e Ames, para ir de cheo á constitución da Federación…». Seguindo sempre as Memorias, feito o regulamento, Pasín pasouno a «cada unha das sociedades para discutilo nas respectivas asembleas [...] e, se o acordo era afirmativo, elixiren un delegado para a súa constitución definitiva». Entón, seica medrou a campaña dos libertarios para facer fracasar o proxecto, «baseándose, a falta de sólidos argumentos, en que os agricultores eran burgueses e propietarios». Ao cabo, e de acordo coas lembranzas de Pasín, convocouse unha asemblea no Teatro Principal, onde se leu o regulamento diante das delegacións obreiras e do público en xeral:

[…] e despois artigo por artigo, en cuxa discusión intervirían os ‘dómines’ do anarquismo que foron derrotados totalmente [...] ao extremo de que alí mesmo se designaron os delegados dos gremios que faltaban por non teren adoptado acordos, polo que se constituíu aquela Federación de feliz memoria [...]

José Pasín na homenaxe a Castro 'Chané' no cemiterio da Coruña, ano 1918

José Pasín na homenaxe a Castro 'Chané' no cemiterio da Coruña, ano 1918 | Arquivo familiar Luís Pasin

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez