"José Pasín Romero: memoria do proletariado militante de Compostela (1878-1960)"

O semanario Lucha Social

Normalizada a situación política do Estado tras a fracasada folga xeral antimonárquica de agosto do ano 1917, a Federación acometeu a súa reorganización. Neste ambiente, xurdiu a idea de imprentar un semanario que exercese como voceiro da Federación de Sociedades Obreras y Agrícolas de Santiago. O proceso, que cristalizou coa saída á luz do periódico o 15 de marzo de 1919, comezou cando Pasín como presidente convocou o Comité da Federación e os presidentes e secretarios de cada colectivo para «elixir un corpo de redacción, administración, etc.». Despois, cada presidente debería levar o trato «ao seu respectivo gremio e ter unha Asemblea Xeral da Federación para tomar acordos definitivos e título que debía levar o semanario». Unha vez realizada a devandita xuntanza, decidiuse que o voceiro levase o rótulo de Lucha Social, belixerante denominación que nacía coa finalidade de facer visibles as loitas sindicais, silenciadas ou anatematizadas na prensa diaria local, controlada e financiada polas capas detentoras do poder económico e municipal.

O periódico, con redacción no Centro Obrero da Conga e imprenta na Tipografía La Comercial domiciliada na rúa Xelmírez, reflectiu o carácter unitario da Federación e, en consecuencia, tivo como principais redactores cadros obreiros locais ben coñecidos, sen distinción de ideoloxías. Fóra de Pasín, nel deixaron recoñecible pegada o ex-anarquista e agora seu correlixionario federal Jesús Posse García; os anarcosindicalistas Ezequiel Rey, Jesús Camba (dende Madrid), Manuel Fandiño e o xastre Manuel Garea Segade; o daquela canteiro socialista e firme partidario da Revolución soviética, José Silva Martínez, etc. Pasín escribía normalmente, amais do editorial, en tres seccións co alcuño de Espartaco:

[...]. ‘Tipos conocidos’, que se referían ao que se podería cualificar de ‘burguesía’; ‘Figuras del Retablo’, dirixido á clase patronal, a maioría deles vellos compañeiros nosos que aínda eran máis tiranos, e ‘Camelos’, que eran catro parágrafos comentando con retranca os asuntos máis salientábeis de cada semana [...] Jesús Posse, que asinaba ‘Esop’, todas as poesías eran del, rebeldes e moi apreciadas, que recollían e publicaban outros periódicos.


Paga a pena facer unha breve pausa para decatármonos da chispa de Posse, metendo o aguillón na decisión municipal de prohibir a mendicidade:


¡Oh sarcasmo dun siglo ponderado!
¡Siglos futuros guardaréis memoria!…
¡Do fragua su poder y sus riquezas
el tirano, pretende no haya ‘escoria’!…

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez