"José Pasín Romero: memoria do proletariado militante de Compostela (1878-1960)"

Epílogo

Na folga de metalúrxicos do ano 1921 aconteceu un detalle significativo: a ausencia de José Pasín en todo o seu devir. En realidade, Pasín estaba de volta da militancia operaria, como tal: pai de oito fillos, canso da precariedade do seu traballo como ebanista e, se cadra, obrigado por algúns problemas de saúde, decidiu deixar o banco de traballo pola contabilidade de dúas empresas de transporte por estrada, que iniciaban a súa andaina.

Remataban así máis de trinta anos de esforzado labor como senlleiro militante do obreirismo compostelán, deixando atrás unha xeira de cadros societarios que, se ben participaban de distintos idearios, todos eles se recoñecían no seu exemplo de loitador a prol da clase traballadora local: José Villaverde, Manuel Fandiño, Ezequiel Rey, José Silva, Ramón Cobas, Jesús Posse, Jesús Camba, Marcelino Puente, etc. Non obstante, o abandono da Sociedad de Carpinteros non levou de seu o afastamento de José Pasín dos antigos camaradas; pola contra, conservou moitas amizades e non pouco influxo dentro das sociedades obreiras, de maneira que, en diante, se solicitou o seu concurso en numerosas ocasións, ora para intervir en mitins ou intervencións públicas, ora para mediar en diversos conflitos obreiros de difícil solución.

Ao chegar o 14 de Abril de 1931, a popularidade de José Pasín en Santiago era inmensa. Non sorprendeu, pois, o meritorio triunfo da candidatura unitaria do Centro Republicano encabezada por Raimundo López Pol e o propio Pasín; daquela, a «quinta cidade» compostelá artesá, operaria, liberal e pequeno burguesa accedía ao Goberno municipal por primeira vez na historia, tras a secular marxinación da que fora obxecto por parte do resto das urbes (a clerical, a fidalga, a universitaria, a comercial) que conformaban a pentápolis compostelá.

Polo contrario,  o golpe de estado do 17 de xullo de 1936 carrexou a desfeita de todo este universo, simbolizada na persecución criminal de moitos dos seus protagonistas, Pasín e os seus fillos Modesto e Marcelino (asasinados ambos no devalo de 1936), entre eles. O alzamento faccioso esnaquizaba, asemade, as esperanzas de convivencia entre os claroscuros de Compostela, mediante a cruel exclusión da «quinta cidade» das tarefas comúns e das decisións que rexerán o destino da localidade por moito tempo.

Pasín en Cangas coa Corporación compostelá e viguesa

Pasín en Cangas coa Corporación compostelá e viguesa | Fondo Nores Soliño. Proxecto Interuniveristario "Nomes e Voces"

Folla de defunción de Marcelino Pasín, 1936

Folla de defunción de Marcelino Pasín, 1936 | Fondo Dionísio Pereira. Proxecto Interuniversitario 'Nomes e Voces'

Corporacións municipais viguesa e compostelá no Concello de Vigo; no centro, o alcalde de Vigo Martínez Garrido, ao seu carón José Pasín

Corporacións municipais viguesa e compostelá no Concello de Vigo; no centro, o alcalde de Vigo Martínez Garrido, ao seu carón José Pasín | Fondo Martínez Garrido. Proxecto Interuniversitario 'Nomes e Voces'

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez