"José Pasín Romero: memoria do proletariado militante de Compostela (1878-1960)"

Coa Igrexa topamos

Non descubrimos nada novo se dicimos que na cidade do Apóstolo a vida xiraba en torno á Igrexa católica. A propia composición social da localidade deixaba ben claro o seu carácter levítico: cen anos antes do nacemento de Pasín, o dezaoito por cento da veciñanza tiña a condición de crego, frade, monxa ou cóengo; en Galicia, non obstante, a porcentaxe de relixiosos non superaba o un por cento da poboación. Ademais, en 1884 había en Santiago 49 igrexas, nas que se celebraron 85 novenas solemnes, 508 funcións e 68 000 misas durante aquel ano. A semellante hipertrofia eclesiástica, en palabras de Xosé Ramón Barreiro, se debería que, xa dende os primeiros pasos, a existencia dun rapazolo de arrabalde tivera múltiples conexións con asuntos de sancristía. Para Pasín, asemade, as vivencias daquel primeiro tempo de fe arrebatada foron como un «banco de probas» para o que logo había de vir.

O espelido carácter do rapaz xa o presaxiaba. Metido a armadanzas dende moi cedo, Pasín fíxose pouco menos que unha celebridade en Compostela logo de capitanear algún que outro soado plante de acólitos, en protesta pola mesquindade clerical cos rillotes que asistían aos oficios. As Memorias de José Pasín arrancan, xustamente, coa descrición da picaresca que presidía aquelas relacións tinxidas do máis raposeiro materialismo. E como noutros casos (o de José Villaverde, por exemplo, con significativas coincidencias e conclusións), os resultados daquela aprendizaxe baseada no autoritarismo, na hipocrisía e na imposición do prexuízo relixioso, foron ben distintos do que se pretendía. A forxa dun rebelde comeza precisamente aquí, co matizado sentimento anticlerical que o acompañou até a tumba.

Avogado republicano e anticlerical Alfredo Vilas, coñecido como "El Castelar Gallego" pola súa boa oratoria

Avogado republicano e anticlerical Alfredo Vilas, coñecido como "El Castelar Gallego" pola súa boa oratoria | Arquivo persoal de Gonzalo Vilas

Deseño dunha imaxe de Cristo soportando a Cruz, autoría de José Pasín

Deseño dunha imaxe de Cristo soportando a Cruz, autoría de José Pasín | Arquivo familiar Luís Pasin

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez