"José Pasín Romero: memoria do proletariado militante de Compostela (1878-1960)"

A Compostela da desigualdade

Nos días en que Pasín comezou a se manexar no banco, a xente de traballo aturaba unhas condicións laborais e vitais ben duras na espiritual Compostela. Nos talleres rexidos por normas corporativas, os oficiais e aprendices estaban sometidos a unha brutal explotación por parte do mestre artesán. Pasín describe nas Memorias estes obradoiros como:

[…] verdadeiros antros de explotación e martirio […] (onde) había que entrar ao traballo ao alborexar, en xornada até a noite; comer dereito ao pé do banco de traballo, e os aprendices tiñan que ir tamén o domingo a facer limpeza no taller. Os pais vían os seus queridos fillos, con día, só os festivos. Unha verdadeira escravitude […] Había patróns que pegaban aos obreiros e, nin hai que dicir, os paus que estes recibían pagábanos os aprendices [...].

Unha ollada fuxidía á Compostela da desigualdade permitiría albiscar a diferenza de clases a cada paso, en calquera mínimo acontecemento vital das capas traballadoras; coma cando parían as mulleres do barrio de San Lourenzo e aos dous días xa andaban atarefadas como lavandeiras ou nas muiñadas. Tampouco cabía ningunha dúbida sobre a sorte diversa que agardaba a quen viñese ao mundo, segundo formase parte, por poñer un caso, da saga dos Harguindey, outrora coñecidos industriais da coiramia de ascendencia vasco-francesa, donos, a maiores, de inmobles urbanos e de numerosas terras na bisbarra, ou da familia dalgún operario ou operaria das súas fábricas da Ribeira de San Lourenzo, Picaños, Pontepedriña, O Carme, Lavacolla ou a do barrio de Guadalupe. Daquela, o contrapunto do poderío dos propietarios, exteriorizado nos seus severos casais da Algalia, Sar ou Picaños, era escornarse máis de vinte anos seguidos pelando, labrando, aprimando e encascando os coiros naqueles fedorentos pelamios dende as cinco da mañá até as nove da noite, velando na noitiña á luz do candil; todo para cobrar un xornal de cinco reais como máximo e morrer nunha triste casopa terrea, con artrite múltiple contraída naquelas humidades, sen unha axuda, sen unha caridade, sen unha visita do amo tan sequera....

Texto memorias de José Pasín

Texto memorias de José Pasín | Arquivo familiar Luís Pasin

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez