Ciudad extraña, hermosa y fea a un tiempo,
a un tiempo apetecida y detestada,
cual ser que nos atrae y nos desdeña
Rosalía de Castro, En las orillas del Sar
Xa o dixera dende o seu fondo coñecemento Ramón Otero Pedrayo: a gran novela de Compostela aínda está por escribir, mais case non hai autor galego que non teña dedicado algunha páxina á cidade consagrada ao Apóstolo Santiago. Albiscadas en claroscuros, tal e como percibiu Rosalía a rúa que leva ao mosteiro de San Francisco, as visións de Compostela decote teñen significados que van máis aló da estética; en ben de ocasións deixan translucir, asemade, nidios posicionamentos verbo da especial simboloxía, conformación social e idiosincrasia da cidade, tantas veces identificada coas glorias imperiais e co rexo misticismo vencellado á fe católica. Así, dende os «claros de luz», algúns dos que participaron desta derradeira consideración, como José María Castroviejo, salientaron a sensación de eternidade que transmitía aquel «enorme castro del espíritu rodeado de campía»…Mais dende as «manchas de sombra gigantescas», que diría Rosalía, as cousas víanse doutra maneira, e aqueles que teimaban en socavar a influencia teocrática e deslindar campos entre a mitoloxía católica e o roteiro histórico dos pobos, adoitaron ter unha percepción ben sombriza dunha urbe estancada dende o devalo do Antigo Réxime e que se percibía como «pentápolis apestada»: «vieja ciudad teocrática», «templos sombríos», «cielo triste y nublado», son algunhas das avesas pinceladas que lle dedica o xornalista federal Waldo Álvarez Ínsua, desterrado de Compostela logo do esfarelamento da I República….Ao cabo, o galante Arturo Cuadrado, intenso vividor da urbe durante a derradeira etapa republicana e hábil no xogo de palabras, deu cunha imaxe ben acaída coa ambivalencia rosaliniana: Compostela foi para el «la ciudad más bella con un corazón de piedra»
Valle Inclán, Modesto Pasín e Arturo Cuadrado nos anos finais da República | Arquivo familiar Luís Pasin
José Pasín | Arquivo persoal de Luís Pasín