Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

O sábado 30 de abril, celebrarase en Toques a Homenaxe a Delfino Liñeira Fraga, militante do sindicato de tranviarios xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte en 1937. O acto está órganizado polo Concello de Toques e a colaboración do Proxecto Nomes e Voces e a familia de Delfino Liñeira Fraga.

Hoxe, xoves 7 de abril comeza en Conxo, o programa A Memoria Silenciada. Compostela e Conxo, organizada polo Concello de Santiago, Rede Municipal de Centros Socioculturais, Centro Sociocultural de Conxo e Psiquiátrico de Conxo.

A Asociación Memoria Histórica '28 de agosto' de Cangas, organiza o acto de inauguración do 'Monumento Memorial de Liberdade' o vindeiro sábado, día 9 de abril de 2011, ás 18.00 horas, na Praza do Concello de Cangas.
Este monumento ten sido sufragado por subscrición popular, e consiste nunha peza escultórica formada por unha prancha de aceiro corten de 8mm de espesor de 150x200cm, apoiada sobre peanas de pedra granítica tipo país de 50x26x20cm.

O xornalista do diario El País, Óscar Iglesias, entrevista ao Investigador e Coordinador do Proxecto 'Nomes e Voces', Dionísio Pereira, con motivo da recente publicación do seu útimo libro: Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Xerais.
Licenciado en Ciencias Económicas na USC, Dionisio Pereira (A Coruña, 1953) é historiador especialista na historia dos movementos sociais na Galicia contemporánea, ao que ten dedicado numerosos artigos e libros. Entre as súas obras destacan A CNT na Galiza (1922-1933), 1994; Sindicalistas e Rebeldes, 1998; Imaxes da Fatiga. Crónica gráfica do traballo na Galiza, 1999; Foulas e Ronseis (Retrincos para un tratado do Mar dos Galegos), 2005. Asi mesmo, coordinou e participou no volume colectivo Os conquistadores Modernos, 1992. Na actualidade é coordinador do Proxecto Interuniversitario "Nomes e Voces" e durante os últimos anos traballou no eido da cultura marítima de Galicia.

Ciclo que conmemora os 80 anos da proclamación da II República e 75 anos do golpe de estado de 1936. O evento está impulsado polo Concello de Ferrol a través das Concellarías de Cultura e Benestar Social e Muller, e coorganizado coa Asociación Cultural Fuco Buxán, amais da colaboración doutras entidades sociais e investigadoras como é o caso do Proxecto Interuniversitario "Nomes e Voces". Este Proxecto ofreceu o seu asesoramento en materia histórica e estará presente nas actividades, coa intervención do seu director, Lourenzo Fernández Prieto, nunha das súas mesas redondas.
A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.
A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.