Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

Exposición: 80 anos. Santiago 1936

Exposición: 80 anos. Santiago 1936

Esta exposición, que permancerá na Fundación Eugenio Granell entre o 7 de xullo e o 25 de setembro, pretende explicar como, en tan poucos días, Santiago pasou de ser unha cidade en plenas festas do Apóstolo, na que aínda se festexaba o Estatuto de Autonomía de Galicia, ao triunfo do golpe de estado. Como as rúas de Compostela pasaron de ser un espazo de convivencia, pugna e pluralidade democrática, a converterse no escenario do medo, da persecución e da matanza. E queremos facelo cun novo relato elaborado a 80 anos daquel pasado incómodo, feito dende a historia e marcado pola memoria, no que se dea noticia en Santiago de todo o que coñecemos e por que o sabemos.

Gardado en Exposicións 29 de xuño de 2016 | sen comentarios

Terceira circular do Congreso Internacional "1936 ¿Un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria". Compostela, 18,19 e 20 de xullo de 2016

Terceira circular do Congreso Internacional "1936 ¿Un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria". Compostela, 18,19 e 20 de xullo de 2016
A 80 anos do golpe militar que derivou nunha guerra que precede á conflagración mundial e remata coa instauración por parte dos vencedores de catro décadas de ditadura; a 40 anos da morte do Ditador e da liquidación do réxime ditatorial que saíu da guerra, este Congreso xorde da necesidade de sentar as bases para unha reconceptualización da memoria e da historia sobre o golpe, a guerra e a ditadura. Preténdese logo valorar e analizar unha nova codificación que xa leva un tempo a desenvolverse e confrontala cuns relatos herdados que perviven, malia que con evidentes síntomas de esgotamento.

Deste xeito, historiografía e estudos literarios, dous ámbitos de coñecemento que se ocupan da Memoria,pretenden dialogar neste foro que se concibe como unha ocasión idónea para presentar e discutir, dende distintos enfoques, as visións e interpretacións que a sociedade española actual manexa dun pasado incómodo e a dimensión ética do seu coñecemento, pero tamén para debater sobre a necesidade dun novo relato sobre ese pasado e mais sobre os elementos dispoñibles para construílo.

Xa que logo, trátase de analizar ese relato herdado, baseado na idea de reconciliación da Transición pero construído sobre as razóns dos combatentes no conflito, as memorias fragmentadas de vítimas e verdugos, a propaganda do vencedor e a amargura do perdedor. Tamén, de contrastalo e deconstruílo, de confrontalo con outras memorias -subalternas en relación ao relato social dominante-, e co novo caudal de coñecemento histórico e memorialístico, así como cos novos paradigmas que operan nos estudos literarios e culturais. A 80 anos do golpe, a 40 desta nosa democracia de hoxe. Servíndonos da ollada externa e a comparanza, e afrontando a dimensión ética do coñecemento do pasado.

Gardado en Congresos 22 de xuño de 2016 | sen comentarios
Etiquetado como Investigación, Historia, Historia de España
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez