Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

Máis de 14.000 persoas visitaron a Base de Datos de Vítimas da Guerra Civil

Máis de 14.000 persoas visitaron a Base de Datos de Vítimas da Guerra Civil

Os interesados en coñecer os estudos científicos relacionados coa represión franquista están a consultar, desde o mes de xullo, a Base de Datos de vítimas da guerra civil e a represión franquista, desde o portal web do Proxecto “Nomes e Voces”. O dominio http://vitimas.nomesevoces.net alberga 11.000 nomes de vítimas da represión franquista, procedentes do estudo, consulta e baleirado de distintas fontes que foron rigorosamente contrastadas.

No momento actual, os traballos de incremento de información da Base de Datos por parte do equipo “ Nomes e Voces”, centrase no baleirado nominal das últimas 300 entrevistas realizadas polo proxecto a persoas relacionadas directamente coa represión ou a familiares dos mesmos. Este número de entrevistas, que forman parte dun fondo de 468, están a ser revisadas e cotexadas para poder extraer os novos datos que se incluirán nas vindeiras semanas na Base, incrementando o número de fichas de información. A fonte oral é unha das vías de investigación que o Proxecto empregou para localizar boa parte dos nomes que integran a Base de Datos. Tamén se está a proceder ao baleirado sistemático dos inculpados non procesados das causas militares incoados en Galicia entre 1936-1939, así como unha selección de publicacións recentes que tratan esta temática.

Desde os tres meses en que a Base de Datos está activada, o Proxecto recibe diariamente correos de persoas que queren achegar información, contribuíndo deste xeito á súa actualización e incremento, facilitando en moitos casos, novos datos acerca dos nomes de represaliados e represaliadas tras o Golpe de Estado de xullo de 1936. Isto é un acicate para reforzar o obxectivo desta ferramenta de divulgación da investigación da historia contemporánea de Galicia, que lonxe de presentarse acabada, é aberta e dinámica.

A Base de Datos conta cunha media de 100 visitas ao día e unha porcentaxe de 72,25% de novas visitas no último mes. Desde a súa presentación, máis de 14.000 usuarios accederon á Base de Datos, constatando a boa acollida por parte da sociedade deste tipo de información, tanto galega como de fóra de Galicia.

Gardado en Noticias 11 de decembro de 2009 | sen comentarios

O Proxecto "Nomes e Voces" presentou o seu traballo en fonte oral no Salvador

O Proxecto "Nomes e Voces" presentou o seu traballo en fonte oral no Salvador

O Proxecto de Investigación "Nomes e Voces" participou a pasada semana, entre os días 10 e 13 de novembro, no Seminario Conservando la Memoria. Las fuentes orales en la historia reciente de El Salvador.

Este seminario levouse a cabo como un proxecto común entre a USC, a través do departamento de Historia Contemporánea e América e o Centro Interdisciplinario de Estudios Americanistas "Gumersindo Busto", e a Universidad de El Salvador.

Historiadores destas institucións expuxeron os seus respectivos estudos sobre a fonte oral e a xestión dos arquivos orais e documentais para a memoria histórica. Deste xeito, El Salvador e a USC puxeron en valor estes arquivos da memoria, no que o Proxecto "Nomes e Voces" leva traballando desde o ano 2006. O Proxecto "Nomes e Voces", representado polo seu director, Lourenzo Fernández Prieto, e o seu coordinador técnico, Xurxo Pantaleón Cadilla, explicaron o traballo desenvolto polos investigadores do Proxecto na fonte oral da represión franquista, que conta cun arquivo que dispón de 467 entrevistas realizadas a represaliados polo franquismo e a familiares directos, que servirá nun futuro para consulta pública.

Gardado en Noticias 2 de decembro de 2009 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez