Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.
Caroline Rothauge visitará o Proxecto "Nomes e Voces" no marco da súa investigación sobre o tratamento da guerra civil e o franquismo no cine español desde os anos noventa.
A investigadora alemaña licenciouse no Centre for the Study of Culture, Justus-Liebig-Universität, onde acadou o título grazas ao estudo da "Guerra civil e a ditadura de Franco no marco das películas e a televisión. Culturas de la memoria y representaciones de las historias"
Hoxe venres 13, remata o programa do “VII Encuentro de Investigadores sobre el franquismo”, organizado pola Fundación 10 de Marzo e o Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela, cunha xornada dedicada á represión.
O encontro dará comezo coa exposición ás 09:30, dunha serie de Paneis sobre represión, antes de pasar á inauguración da sesión centrada en “Cultura y opinión” a cargo de Ángel Rodríguez Gallardo, moderador, e Francisco Sevillano Calero, relator.
Ás 12.00 horas dará comezo a mesa redonda que leva por título ”La represión. Estado de la cuestión”, moderada polo historiador Ricardo Gurriarán e na que participan: o investigador e coordinador do Proxecto “Nomes e Voces”, Dionisio Pereira, os historiadores Javier Rodrigo e Queralt Sole, e o Presidente da Asociación para la recuperación de la memoria histórica, Emilio Silva.
Ás 14:00 procederase a clausurar o acto.
O Encuentro de Investigadores sobre el franquismo celebrase desde hai case vinte anos, presentándose como unha reunión que aspira a ser unha posta ao día do coñecemento sobre a ditadura.
Estes encontros son iniciativa das institucións que compoñen a Red de Archivos Históricos de Comisiones Obreras. Celebradas cada dous ou tres anos, son organizadas en cada edición por un deses arquivos en colaboración coas institucións universitarias.
A organización do VII Encuentro de Investigadores sobre el franquismo corresponde este ano á Fundación 10 de Marzo, que o fará en colaboración co Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido por Xose Manoel Núñez Seixas, coordinador no exterior do Proxecto "Nomes e Voces". O evento terá lugar os días 11, 12 e 13 de novembro de 2009.
O programa está artellado por diferentes sesións de relatores moderadas por profesores da USC, entre os que se atopan os coordinadores do Proxecto "Nomes e Voces": Emilio Grandío e Xosé Manoel Núñez Seixas. Destacamos a celebración de dúas mesas redondas, unha delas de estudos sobre el franquismo, moderada polo profesor Ramón Villares, e unha segunda mesa, na que se debaterá sobre o ámbito da investigación da represión, na que participa Dionisio Pereira, coordinador do "Proxecto Nomes e Voces", para expoñer a experiencia do traballo ao redor da represión franquista.
Durante o encontro, os asistentes coñecerán os pósteres que sobre a represión presenten os investigadores procedentes do mundo académico ou das numerosas asociacións que están traballando neste campo, como é o caso do Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces".
Entre o 10 e o 13 de novembro, celebrarase no estado de El Salvador o Seminario Conservando la Memoria. Las fuentes orales en la historia reciente de El Salvador.
Este seminario responde a un proxecto común entre a USC, a través do departamento de Historia Contemporánea e América e o Centro Interdisciplinario de Estudios Americanistas "Gumersindo Busto", e a Universidad de El Salvador.
Historiadores destas institucións exporán os seus respectivos estudos sobre a fonte oral e a xestión dos arquivos orais e documentais para a memoria histórica. Deste xeito, El Salvador e a USC porán en valor estes arquivos da memoria, no que o Proxecto "Nomes e Voces" leva traballando desde o ano 2006. O Proxecto "Nomes e Voces", representado polo seu director, Lourenzo Fernández Prieto, e o seu coordinador técnico, Xurxo Pantaleón Cadilla, explicarán o traballo desenvolto polos investigadores do Proxecto na fonte oral da represión franquista, que conta cun arquivo que dispón de 467 entrevistas realizadas a represaliados polo franquismo e a familiares directos, que servirá nun futuro para consulta pública.
O Seminario, dirixido por Eduardo Rey Tristán (USC), está baseado na celebración de dúas sesións de traballo. A primeira delas realizouse no mes de maio deste ano, en Santiago de Compostela e levou por título “Archivos orales y documentales: fuentes para el estudio de la memoria histórica en las sociedades contamporáneas”. Este segundo encontro de novembro en El Salvador, pecha o programa de investigación e intercambio científico.
O historiador Bechir Yazidi (Túnez, 1952) impartiu o pasado día 4 de novembro unha conferencia sobre o exilio republicano español en Túnez na Facultade de Xeografía e Historia da USC.
Neste acto o profesor Yazidi presentou en Compostela o seu último libro: El exilio republicano en Túnez (Edicións Embora, 2008), resultado da súa investigación sobre a cuestión do exilio republicano español cara as costas de Túnez a partires de 1939. Lourenzo Fernández Prieto, director do Proxecto “Nomes e Voces” presentou esteacto.
Bechir Yazidi, Doutor en Historia Contemporánea no Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba, é experto nas relacións entre os países do mediterráneo africano e europeo, especialmente entre España e o Magreb. A súa investigación céntrase nas diferentes cuestións que abranguen ao exilio español en Túnez a partires do fin da Guerra Civil de 1936; a forma na que chegaron os españois ás costas tunesinas, dificultades e problemas que xurdiron coa chegada dos refuxiados, a vida dos refuxiados nos campamentos e o impacto da presenza dos refuxiados españois en Túnez.
Esta conferencia está organizada polo Proxecto “Nomes e Voces” dentro do traballo de colaboración que se está a desenvolver entre o Proxecto de Investigación galego e o Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba que coordina Bechir Yazidi e Lourenzo Fernández, en torno á recuperación da memoria no marco do proxecto “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia” patrocinado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) en 2008.
Por este motivo, os investigadores tunesinos, Bechir Yazidi e Mohammed Aouini, están entre os días 2 e 5 de novembro en Santiago de Compostela, co fin de proseguir coas tarefas de colaboración co Proxecto «Nomes e Voces» en torno ao estudo da fonte oral como base para a investigación da represión.
Durante cinco días, os dous equipos de traballo compartirán diferentes actividades organizadas polo Proxecto “Nomes e Voces”, entre as que se atopan a visita ao Arquivo Militar de Ferrol e ao Campo da Rata na Coruña. Este é o segundo encontro de ambos equipos despois da viaxe de investigadores do Proxecto "Nomes e Voces" a Túnez no mes de setembro, e permitirá ao equipo tunesino compartir en Compostela as súas pescudas na recuperación da memoria oral de Túnez, e coñecer as diferentes bases de datos da guerra civil e a represión franquista que os investigadores galegos están a crear desde o ano 2006: a recentemente publicada base de nomes das vítimas da guerra civil (http://vitimas.nomesevoces.net) e as bases relacionadas coa fonte oral e documental.
Bechir Yazidi é Doutor en Historia Contemporánea e Investigador do Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National (ISHMN) de La Manouba (Túnez). Experto nas relacións entre os países ribeirenses do Mediterráneo occidental. En 2005 publicou El dominio del Estado y la política colonial en Túnez desde 1881 hasta la crisis de los años 30 , e no ano 2008 El exilio republicano en Túnez (Edicións Embora).
A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.
A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.