Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

Publicación de "VERMELLAS: Chamábanlles “rojas”: borradas da historia"

 Publicación de "VERMELLAS: Chamábanlles “rojas”: borradas da historia"

Ven de publicarse o catálogo de exposición Vermellas: Chamábanlles “rojas”: Borradas da historia, editado pola Universidade de Santiago de Compostela como colofón á mostra documental que baixo o mesmo título inaugurouse o pasado mes de marzo na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta mostra, auspiciada polo concello de Lugo e a Vicerreitoría de Cultura da USC, estivo dedicada ás mulleres que sufriron a represión franquista tras o golpe de estado de 1936, polo tanto, as protagonistas desta publicación son as mulleres que por distintas condicións socio-culturais e políticas sufriron continuas humillacións e vexacións, en moitos casos pasando por penas de cárcere e noutros de forma dramática atopando a morte.

Na elaboración do volume participou o equipo de traballo formado polos profesores Claudio Rodriguez-Fer e Carmen Blanco xunto aos investigadores do Proxecto de Investigación dirixido por Lourenzo Fernández Prieto, “Nomes e Voces”: Andrés Domínguez Almansa, Gustavo Hervella García, Chus Martínez Domínguez e Antonio Somoza Cayado. Todos eles aportaron a súa experiencia entorno á cuestión da muller na represión; Rodriguez Fer e Blanco desde a escrita e o equipo “Nomes e Voces” desde a perspectiva histórica, tendo en conta que o estudo da muller no proceso represivo é unha das liñas principais das súas pescudas no marco do traballo de investigación que están a desenvolver ao redor da guerra civil e a represión franquista a partires de 1936.

O libro consta de catro capítulos: marco histórico, paneis, gravados de Sara Lamas e gráficas, que recollen o heteroxéneo contido da mostra. Por unha banda as imaxes e os documentos que foron presentados en sala mediante diferentes paneis temáticos que recolleron as historias vitais destas mulleres contextualizadas pola súa condición política, social e laboral. Así, intelectuais como Juana Capevielle, mestras como Concepción González Mosquera e María Vázquez Suárez, proletarias como Amalia Fraguela, Amelia Varela Bouza e Carmen Pesqueira Domínguez, campesiñas como Carolina Regueiras, exiliadas como Mercedes Núñez e Mercedes Pimentel ou guerrilleiras como Manuela Sánchez e María Blázquez entre outras moitas, conforman unha longa listaxe de vítimas femininas que directa ou colateralmente experimentaron a inxustiza e o terror da represión.

Parte da documentación foi proporcionada polos fondos de “Nomes e Voces”, que cedeu numeroso material gráfico e audiovisual, ademais de colaborar como asesor histórico do programa expositivo, facilitando datos relativos á represión exercida sobre a muller entre 1936 e 1939: tipoloxías e cuantificación da represión, a muller nas causas militares e o perfil social da muller represaliada. Toda esta información foi completada con gráficas e un mapa que ofrece os datos relativos á represión por concellos e con resultado de morte.

Ademais do apartado dedicado á fotografía, o catálogo enriquécese co apoio literario de textos de diversa índole. Por unha banda un ensaio histórico asinado polos investigadores do Proxecto “Nomes e Voces” baixo o titulo: “Da visualización social da muller á inmersión no terror: 1936. Golpe de Estado, vítimas e memoria”, que aborda o protagonismo da muller no contexto represivo e analiza pormenorizadamente o proceso represivo da muller e a transmisión do acontecido. Por outra parte inclúense fragmentos literarios de varios autores como Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco e María Lopo, así como citas textuais de represaliados e familiares de vítimas extraidas das cerca de cincocentas entrevistas que o Proxecto “Nomes e Voces” ten realizado.

Deste xeito, a poética e o documento histórico apóianse nunha soa filosofía: a de seguir investigando e afondando na realidade da muller durante o proceso represivo.

Gardado en Noticias 25 de setembro de 2009 | sen comentarios

Desenvolvemento das xornadas de traballo do Proxecto “Nomes e Voces” no Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba

Desenvolvemento das xornadas de traballo do Proxecto “Nomes e Voces” no Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba

O Proxecto de Investigación Interuniversitaro “Nomes e Voces” (www.nomesevoces.com) iniciou en Túnez o xoves 24 de setembro, as primeiras xornadas de traballo no marco do proxecto “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia”, outorgado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), en 2008, ás universidades de Compostela e La Manouba.

O estudo da represión franquista en Galicia e a represión colonial francesa en Túnez a través da fonte oral, é o obxecto deste programa de colaboración, no que o equipo de investigadores de “Nomes e Voces” dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, traballará xunto ao equipo tunesino dirixido polo doutor Bechir Yazidi, para, deste modo, intercambiar a súa experiencia no traballo da recuperación da memoria da represión a través da fonte oral.

O desenvolvemento do ciclo está articulado por diferentes encontros de traballo que terán como escenario ambas universidades, sucedéndose o primeiro deles na cidade tunesina de La Manouba cunha duración de catro días. Entre o 24 e o 27 de setembro, Lourenzo Fernández Prieto acompañado do investigador Antonio Somoza Cayado, intercambiarán experiencias cos especialistas norteafricanos na represión colonial francesa, evidenciando os puntos coincidentes coa represión franquista en Galicia Así, tunesinos e galegos poderán intercambiar e poñer en valor as súas respectivas pescudas e resultados de traballo na fonte oral como base para o estudo da represión en ambos países.

Seguindo o programa de actividades, o xoves día 24 os investigadores galegos tiveron ocasión de coñecer ao equipo de traballo de Bechir Yazidi, formado polos investigadores hispanistas Mohamed Aouini e Meimouna Hached-Khebou. Posteriormente, os membros do Proxecto “Nomes e Voces” presentaron aos membros do Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba o traballo de investigación desenvolto nos últimos tres anos sobre a represión franquista en Galicia, incidindo na metodoloxía de traballo utilizada en relación á recollida e estudo da fonte oral, xa que este é un dos fondos documentais máis relevantes do Proxecto “Nomes e Voces”, no que se teñen incluídas un total de 348 entrevistas.

O venres día 25, Fernández Prieto e Somoza Cayado visitarán o departamento de historia oral da Université de La Manouba, na que se inclúe unha sesión de visionado dos vídeos realizados polos alumnos, e que irá acompañado dun seminario de discusión. Esta xornada permitirá a achega ás testemuñas de militantes tunesinos que viviron a represión colonial francesa.

Ademais, os investigadores de “Nomes e Voces” aproveitarán a súa visita para realizar outro tipo de actividades como entrevistarse con alumnos de español da facultade de letras de La Manouba. Ao tempo, visitarán Bizerta, cidade que recibiu un importante número de republicanos españoles no exilio, a maioría deles mariños, tras a Guerra Civil en 1939.

Como ven sendo dinámica habitual do proxecto, os traballos de colaboración do Proxecto con outras institucións e entidades académicas segue a ser fundamental para a divulgación científica dos resultados do seu traballo. A seguinte cita será o día 4 de novembro, cando o equipo tunesino formado polos investigadores Mohamed Aouini, Meimouna Hached-Khebou e Bechir Yazidi visiten Compostela para desenvolver o segundo dos encontros de traballo, organizadas esta vez polo Proxecto “Nomes e Voces”.

Gardado en Noticias 25 de setembro de 2009 | sen comentarios

Primeira viaxe do equipo de investigación a Túnez, no marco da colaboración entre a USC e a Universidad de La Manouba

Primeira viaxe do equipo de investigación a Túnez, no marco da colaboración entre a USC e a Universidad de La Manouba

Membros do equipo de traballo do Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces" dirixido polo I.P. Lourenzo Prieto, viaxará a Túnez o día 23 de setembro no marco da colaboración entre USC e o Instituto Superior de Historia del Movimiento Nacional (ISHMN) da Universidad de La Manouba.

Esta viaxe ten por obxectivo desenvolver o proxecto concedido pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AEDIC): “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia”.

Este encontro de catro días de duración servirá para que os respectivos equipos de traballo se coñezan e inicien as primeiras pautas para levar a cabo dito programa, que comezará coa presentación do Proxecto por parte dos investigadores galegos aos alumnos da Universidade de La Manouba, cuxa responsabilidade recae no I.P. Bechir Yazidi, doutor na Universidad de La Manouba. Deste xeito, Fernández Prieto acompañado de Antonio Somoza Somoza Cayado, terán a oportunidade de visitar o centro oral da universidade tunesina, e exporán o seu coñecemento ao redor da recuperación da memoria oral, froito da experiencia do equipo nas entrevistas a case 500 persoas relacionadas directa ou indirectamente coa represión franquista.

Esta colaboración de intercambio entre ambalas dúas universidades ten como obxectivo reforzar e fomentar vínculos de investigación entre os grupos científicos destas institucións, constituíndo un espazo de investigación para o estudo histórico da memoria oral dos galegos e dos tunesinos ao redor da represión do tempo da guerra civil e da ditadura, tendo en conta que as costas do país africano albergaron a moitos galegos que fuxiron das represalias franquistas ao remate da guerra civil.

A seguinte xuntanza de traballo terá como escenario a cidade de Santiago de Compostela na primeira semana do mes de novembro.

Gardado en Noticias 24 de setembro de 2009 | sen comentarios

Máis de 2.500 persoas visitaron a Base de Datos de vítimas da represión franquista

Máis de 2.500 persoas visitaron a Base de Datos de vítimas da represión franquista

Máis de 2.500 persoas visitaron a Base de Datos das vítimas da represión franquista e da guerra civil desde a súa presentación pública a finais do pasado mes de xullo.

Estes son os datos obtidos do primeiro balanzo realizado polo Proxecto "Nomes e Voces" en relación ás visitas recibidas a esta nova aplicación instalada na súa web http://nomesevoces.com, e que alberga ao redor de 14.000 nomes, cotexados mediante diferentes fontes, dos e das que foron vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia entre 1936 e 1939.

O interese do público pola nova ferramenta de consulta pode traducirse nunha media de ao redor de 100 visitas diarias, ademais de facerse extensible de xeito paralelo na intensa comunicación establecida por parte de familiares, investigadores e interesados en xeral co grupo de traballo de "Nomes e Voces" para poñer no seu coñecemento tanto a actualización dos datos como a achega de importante información de tipo documental, gráfica e oral.

A Base de Datos das vítimas da represión franquista está pensada como un espazo dinámico e en crecemento, no que se irán incorporando paulatinamente novos nomes a unha longa listaxe de persoas que sufriron a crueldade da represión.

Gardado en Noticias 7 de setembro de 2009 | sen comentarios

Acto de presentación da Base de Datos de vítimas da represión franquista

Acto de presentación da Base de Datos de vítimas da represión franquista

A mañá do mércores 29 de xullo, o Proxecto presentou a Base de Datos das vítimas da represión franquista nun acto celebrado no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC.

O acto estivo conducido polo seu Investigador Principal Lourenzo Fernández Prieto, acompañado no estrado polos coordinadores provinciais do Proxecto: Dionisio Pereira, Mª Jesús Souto, Emilio Grandio, Julio Prada e o coordinador técnico Xurxo Pantaleón.

A celebración comezou coa presentación do novo sitio web realizada por parte do equipo de A Navalla Suiza, autor da súa programación e deseño.

A continuación Fernández Prieto e Dionisio Pereira, contextualizaron este novo traballo do Proxecto como un dos resultados obtidos nos últimos anos de investigación ao redor da guerra civil e a represión franquista en Galicia, ofrecendo ao público os últimos datos presentados públicamente no 1ºInforme Vítimas da represión en Galicia, publicado nos materiais da web do Proxecto.

Este traballo signifícase como unha das iniciativas de recuperación da memoria da represión e do franquismo máis completas no conxunto do Estado, ofrecendo datos de 14.000 nomes de represaliados e represaliadas.

Gardado en Noticias 2 de setembro de 2009 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez