Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

14.000 vítimas da represión franquista en Galicia poderán ser consultadas na rede, a través da páxina web do Proxecto "Nomes e Voces"

14.000 vítimas da represión franquista en Galicia poderán ser consultadas na rede, a través da páxina web do Proxecto "Nomes e Voces"

O Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces" presentará publicamente a Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia, nun acto que se celebrará o día 29 de xullo de 2009 ás 12.00 h, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC na praza de Mazarelos en Santiago de Compostela.

Deste xeito, dáse a coñecer parte do traballo desenvolto polo equipo de investigación nos últimos anos referente ao estudo das vítimas da represión franquista entre 1936 e 1939. A base de datos que presentamos dista de ser definitiva, nin polo número, nin polo tempo que durou a represión da ditadura, nin polas formas que esta adquiriu pero todos os datos que presentamos están criticados, cruzados entre diferentes fontes e sometidos polo tanto a unha contrastación e validación que non sempre é doada. Expedientes dos procesos xudiciais (2.608-máis de 400.000 páxinas), rexistros civís dos concellos (310), fonte oral (100 entrevistas das 450 que posúen os fondos do proxecto, e o resto seguirán a incorporarse) e traballos publicados por diferentes autores nas últimas décadas (52).

Este traballo signifícase como unha das iniciativas de recuperación da memoria da represión e do franquismo máis completas no conxunto do Estado. Nos próximos anos, a equipa do Proxecto, dirixido polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e coordinado por Emilio Grandio (A Coruña), Mª Jesús Souto (Lugo), Julio Prada (Ourense), Dionisio Pereira (Pontevedra) e Xosé Manoel Núñez (Galicia Exterior) ampliará, nunha segunda fase de desenvolvemento da investigación a cronoloxía das súas pescudas abordando os primeiros anos da instauración da réxime franquista a partires de 1940.

O acto contará coa presenza do I.P. Lourenzo Fernández Prieto e o equipo A Navalla Suiza, responsable da nova ferramenta de consulta.

Gardado en Noticias 29 de xullo de 2009 | sen comentarios

Seminario "La II Guerra Mundial y la memoria europea: nuevas perspectivas en su 70 aniversario"

Seminario "La II Guerra Mundial y la memoria europea: nuevas perspectivas en su 70 aniversario"

Do 27 ao 30 de xullo, estase a celebrar na cidade da Coruña o seminario La II Guerra Mundial y la memoria europea: nuevas perspectivas en su 70 aniversario, no Museo Militar de la Región Noroeste. As xornadas, dirixidas e coordinadas polo catedrático de Historia Contemporánea na USC, Xosé Manoel Núñez Seixas e o profesor titular de Historia Contemporánea, Emilio Grandio Seoane, ambos coordinadores do Proxecto "Nomes e Voces", preséntanse como lugar de reflexión histórica ao cumprirse os setenta anos do final da Guerra Civil española e o comezo da II Guerra Mundial. O curso pretende afondar no que supuxo o conflito bélico como unha nova forma de guerra total, como experiencia colectiva de violencia e exterminio a todos os niveis, e como punto de partida dunha memoria europea compartida. Para abordar este tema , combinaranse as perspectivas comparadas que ofrece a nova historia sociocultural da guerra e da violencia, coa análise das políticas da memoria sobre a guerra desde 1945, ademais da perspectiva desde os países neutrais.

Gardado en Noticias 29 de xullo de 2009 | sen comentarios

Estudantes da Hofstra University de Nova Iorque visitaron o Proxecto "Nomes e Voces"

Estudantes da  Hofstra University de Nova Iorque visitaron o Proxecto "Nomes e Voces"

O martes 21 de xullo, o Proxecto de Investigación "Nomes e Voces" recibiu a visita do profesor de Historia, Simon R. Doubleday e o seu grupo de alumnos, procedentes da Hofstra University (Hempstead, Nova Iorque).

A visita, inscrita na estadía destes estudantes norteamericanos en Compostela durante o mes de xullo, tivo como obxectivo achegar a estudantes foráneos a realidade histórica máis recente de Galicia, podendo consultar a investigación do Proxecto a través dos fondos orais, documentais e gráficos que alberga o equipo "Nomes e Voces".

Gardado en Noticias 22 de xullo de 2009 | sen comentarios

Intervención de Lourenzo Fernández Prieto na homenaxe aos represaliados de Outes

Mañá sábado 18 de xullo ás 19.00 h, a "Asociación Terra de Outes" rende homenaxe ás vítimas de Muros e Outes coa inauguración dun xardín ao redor do monolito que este colectivo levantou o ano pasado no lugar onde foi asasinado o deputado republicano Luís Barrena en agosto de 1936. O acto contará coa presenza do catedrático Lourenzo Fernández Prieto, como director e coordinador da investigación histórica que o proxecto "Nomes e Voces" desenvolve ao redor da guerra civil e a represión franquista en Galicia.

Luís Barrena forma parte da longa listaxe de nomes que este Proxecto ten recollido nos últimos tres anos de traballo, e que como outros moitos foi capturado e asasinado por un comando falanxista, no seu caso cando veraneaba na vila de Esteiro xunto á súa muller, oriúnda de Muros, e asasinado neste lugar da Coviña (O Freixo-Outes), á beira da estrada Noia-Muros.

Gardado en Noticias 17 de xullo de 2009 | sen comentarios

Presentación en Vigo do libro "Historia social do deporte en Galicia. 1850-1920" de Andrés Domínguez Almansa

Presentación en Vigo do libro "Historia social do deporte en Galicia. 1850-1920" de Andrés Domínguez Almansa

Mañá xoves 16 de xullo terá lugar na Feira do Libro en Vigo, a presentación da obra "Historia social do deporte en Galicia. 1850-1920, responsabilidade de Andrés Domínguez Almansa. O acto terá lugar ás 19.00 h, e contará coa presenza do autor que estará acompañado polo catedrático de Historia Contemporánea e I.P. do Proxecto "Nomes e Voces" Lourenzo Fernández Prieto, autor do limiar do libro, e un representante da editorial Galaxia.

Gardado en Noticias 15 de xullo de 2009 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez