Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

O Proxecto "Nomes e Voces" realiza unha nova compra de libros relacionados coa represión franquista

O Proxecto "Nomes e Voces" realiza unha nova compra de libros relacionados coa represión franquista

O Proxecto de Investigación "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" adquiriu unha nova cantidade de libros relativos á represión e ditadura franquista en Galicia. Entre os titulos adquiridos, que se poderán consultar na Facultade de Xeografía e Historia da USC, atópanse: "La Transición desde dentro" de José Miguel Ortí Bordás, "Heroic voices of the spanish civil war" de Peter Darman e "La aventura democrática" de Juan Fernando López Aguilar entre outros.

Deste xeito, a biblioteca de Xeografía e Historia incrementa novamente os fondos relativos a esta etapa da historia de Galicia. Con estes traballos, os investigadores do proxecto así como os estudantes, teñen un material esencial á hora de achegarse ao período de 1936-1939.

Gardado en Noticias 28 de maio de 2009 | sen comentarios

A UIMP organiza o curso "A II Guerra Mundial e a memoria europea: novas perspectivas no seu 70 cabodano", en xullo na cidade da Coruña

A UIMP organiza o curso "A II Guerra Mundial e a memoria europea: novas perspectivas no seu 70 cabodano", en xullo na cidade da Coruña

Os días 27 ao 30 de xullo, desenvolverase no Museo Militar Rexión Noroeste da Coruña o programa do curso da UIMP "A II Guerra Mundial e a memoria europea", dirixido polo profesor e doutor pola USC, Xosé Manoel Núñez Seixas.

As xornadas contarán coa presenza de destacados profesionais no campo da docencia e a investigación na historia contemporánea, chegados de universidades de toda a xeografía: Santiago de Compostela, Zaragoza, Madrid, Barcelona, Valencia, Xerusalem, Gran Bretaña e Porto.

Gardado en Noticias 27 de maio de 2009 | sen comentarios

Presentación do libro "Historia social do deporte en Galicia. 1850-1920" de Andrés Domínguez Almansa

Presentación do libro "Historia social do deporte en Galicia. 1850-1920" de Andrés Domínguez Almansa

Hoxe, martes 26 de maio, o investigador Andrés Domínguez Almansa presentará o seu libro "Historia social do deporte en Galicia. 1850-1920". O acto terá na Fundación Torrente Ballester de Santiago de Compostela, e contará coa presenza do autor que estará acompañado polo catedrático de Historia Contemporánea e I.P. do Proxecto "Nomes e Voces" Lourenzo Fernández Prieto, autor do limiar do libro, e Víctor F. Freixanes, director xeral da editorial Galaxia.

Gardado en Noticias 26 de maio de 2009 | sen comentarios

O fondo de entrevistas do Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces" xa ten ao redor de 450 entrevistas

O Proxecto de Investigación Interuniversitario “As vítimas, os nomes e as voces” ven de incrementar o seu fondo sonoro con novas gravacións a persoas que sufriron a represión directamente ou aos seus familiares. En maio de 2009 están catalogadas 449 entrevistas repartidas nas catro provincias galegas, Uruguai, Arxentina, Cuba, Costa Rica, Asturias, Cataluña, País Vasco e Madrid.

Nos próximos meses acometerase de novo o estudo da represión franquista atendendo aos testemuños orais, sobre todo a aqueles que nos aporten datos novos e descoñecidos: familiares de desaparecidos, xente que foi represaliada –o que supón falar con persoas cunha media de idade superior aos 80 anos- ou ben que teñan memoria de espazos até agora non visitados polos investigadores.

As provincias de Coruña e Pontevedra son as que máis testemuños aportan -máis do 50% das entrevistas realizadas-, seguidas pola de Ourense e Lugo. A presenza da muller, feito este destacado desde o comezo do proxecto, é importante en Pontevedra, superando ao número de homes entrevistados. En xeral, destacan os concellos de Cangas do Morrazo, Bueu, Marín, A Estrada, Vilagarcía, A Cañiza e Ponteareas en Pontevedra; os de Betanzos, Mugardos e As Pontes na Coruña; Ribadeo, A Pontenova, A Fonsagrada, Monforte de Lemos e O Saviñao en Lugo e Sandiás, O Barco de Valdeorras e Ribadavia en Ourense, amais das capitais.

Respecto ás testemuñas, son máis abundantes os fill@s de represaliados, tendo en conta que nesta categoría están os nacidos nos anos trinta e que, polo tanto, eran pequenos en 1936 e tamén os nacidos nos anos vinte e que xa eran uns adolescentes cando aconteceron os feitos represivos.

Deste xeito, o Proxecto de investigación ofrece á sociedade uns fondos únicos para o estudo da represión e a instauración do réxime franquista en Galicia e que agardamos sexa referente para todas aquelas persoas que se adentren nos estudos desta etapa da nosa historia.

Gardado en Noticias 25 de maio de 2009 | sen comentarios
Etiquetado como Memoria, Guerra civil, Franquismo, Investigación, Historia

Conferencia de Lourenzo Fernández Prieto e Andrés Domínguez Almansa nas xornadas do centenario das sociedades emigrantes de Vedra

Conferencia de Lourenzo Fernández Prieto e Andrés Domínguez Almansa nas xornadas do centenario das sociedades emigrantes de Vedra

O vindeiro venres 15 de maio ás 21.00 h., o catedrático en historia contemporánea e I.P. do Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces", Lourenzo Fernández Prieto, impartirá xunto ao doutor e investigador de dito Proxecto, Andrés Domínguez Almansa, unha conferencia sobre a emigración na Casa do Sindicato do Concello de Vedra. A conferencia, que leva por título "Moito máis que emigración: morriña, tecnoloxía e política da man dos emigrantes", realízase no marco da programación elaborada con motivo do centenario das Sociedades Emigrantes de Vedra.

Máis información>>

Gardado en Noticias 15 de maio de 2009 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez