Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

Sentenza da Audiencia de Pontevedra favorable ao investigador Dinisio Pereira fronte a denuncia de familiares dun ex alcalde falanxista

Sentenza da Audiencia de Pontevedra favorable ao investigador Dinisio Pereira fronte a denuncia de familiares dun ex alcalde falanxista

Despois dun ano, vense de coñecer a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, respecto do recurso presentado pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, antigo dirixente falanxista e alcalde de Cerdedo na Ditadura franquista, contra a absolución do investigador e coordinador da provincia de Pontevedra do Proxecto de Investigación "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", Dionisio Pereira, na vía civil en Iª Instancia polo Xulgado da Estrada, por un presunto delito de atentado contra da honra da devandita familia. Deste xeito, a Sección IIIª da Audiencia Provincial de Pontevedra, resolve rexeitar o devandito recurso, reafirmando en todos os seus termos a sentenza do Xulgado de Iª Instancia da Estrada, adxudicando asemade as costas en 2ª Instancia aos demandantes.

A denuncia contra Dionisio Pereira foi presentada polas afirmacións que o investigador manifestou na súa intervención no Congreso da Memoria celebrado en Narón, no mes de decembro de 2003, e publicadas posteriormente nas Actas do 2004. Estas afirmacións facían alusión a “persoas sinaladas nos asasinatos e maltratos ou como “instigadores dos mesmos” a unha serie de nomes de cargos da Falanxe, todos eles falecidos, e que o historiador recolleu a través de múltiples testemuñas orais. Esta denuncia foi desestimada e apelada pola familia do falanxista, proseguindo a defensa do investigador fundamentada nas seguintes argumentacións:

1º) Prevalencia do dereito á investigación histórica fronte o dereito á honra.

2ª) Considerar que o escrito denunciado forma parte dunha investigación histórica realizada cun método científico, no que non existe ningunha pretensión de atentar contra a honra de ninguén e menos da familia demandante.

Aínda que non existe posibilidade de recurso ao Tribunal Supremo, ao non existir defecto na sentenza nin cuantía económica que o xustifique, si cabería a posibilidade de presentar recurso de apelación ao tribunal Constitucional, algo que aínda está por confirmar. Ademais desta sentenza favorable ao investigador, a apelación que a mesma familia presentou contra a decisión do Xulgado de Iª Instancia da Estrada de non procesar pola vía penal a Alfredo González Ruibal, tamén foi rexeitada, polo que González Ruibal non será procesado.

Para rematar, facémonos eco das consideracións de Dionisio Pereira ao redor desta boa nova: “eu acredito na dor e desasosego que padecen os achegados aos presuntos represores, cando a persistente brétema do esquecemento comeza a se levantar tras o traballo das persoas comprometidas coa recuperación da “memoria dos vencidos”, dando a coñecer os brutais episodios nos que hipoteticamente puido estar implicado o seu devanceiro. Unha dor de seguro incomparable á padecida polas familias das vítimas do franquismo, pero un sentimento que, ao cabo, debe ser respectado sempre e cando non impida o coñecemento e a valoración do acontecido. Mais se aqueles teiman en contrapoñer mesmo pola vía xudicial unha pretendida memoria familiar inmaculada, fronte á dos represaliados e represaliadas de xeito ruín e irreparable, estanse a situar nun egoísta plano de inxustiza e de escurantismo, rexeitando así o seu concurso á rexeneración democrática que o Estado español precisa con urxencia. É o intre, pois de rectificar e de construír entre tod@s un espazo de convivencia no que a liberdade de investigar e o dereito a saber sexan amparados polos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto. Nada máis, aínda que non se pode dar por rematado este pouco recomendable roteiro xudicial, quixera aproveitar a ocasión para amosar o meu aceso agradecemento a todas as persoas que dunha maneira ou doutra achegaron o seu apoio, convertendo un avatar persoal nunha loita colectiva a prol dunhas liberdades que nos son imprescindibles. Como dixo Walter Benjamin "O pasado dos perseguidos e dos excluídos debe ser recuperado, porque nada do que aconteceu é un asunto cancelado."

Velaí a razón pola que os que devecemos por unha vida máis libre e máis xusta, debemos continuar con firmeza a recuperar a "memoria dos vencidos".

Gardado en Noticias 3 de abril de 2009 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez