Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

Conferencia de María Xesús Souto Blanco no programa expositivo "Vermellas"

Conferencia de María Xesús Souto Blanco no programa expositivo "Vermellas"

O vindeiro luns, día 9 de marzo ás 19.00 h na Facultade de Veterinaria de Lugo, a profesora de historia contemporánea na Facultade de Xeografía e Historia da USC e Coordinadora da provincia de Lugo do Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", María Xesús Souto Blanco, impartirá unha conferencia sobre a persoa de Consuelo Alonso González, máis coñecida como "A comunista".

A conferencia, titulada "A comunista de Monforte", está incluída no ciclo de encontros enmarcados no programa expositivo Vermellas. Chamábanlles "rojas", organizada pola Vicerreitoría de Cultura da USC e na que colabora como asesor documental e histórico o Proxecto de Investigación "Nomes e Voces", na que se analiza a represión de xénero en Galicia tras o Golpe de Estado en 1936.

A conferencia de María Xesús Souto Blanco recollerá a investigación que leva desenvolvendo ao redor da represión franquista e en concreto da figura de Consuelo Alonso González, máis coñecida como "A comunista", e da que xa ten publicado un libro baixo o título: "A comunista Consuelo Alonso González", en Unión Libre, nº11. Esta

muller natural de Asturias, foi executada logo de ser xulgada en Lugo por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte nas tapias do cuartel de Lugo, en 1938. O motivo de tal sentenza foi a súa vinculación como enlace cos elementos "roxos" e celebrar as victorias deste bando na fronte de guerra.

Ver currículo M.X. Souto Blanco>>

Gardado en Noticias 9 de marzo de 2009 | sen comentarios

Asesoramento histórico e documental do Proxecto na exposición "Vermellas. Chamábanlles “rojas”"

Asesoramento histórico e documental do Proxecto na exposición "Vermellas. Chamábanlles “rojas”"

O vindeiro venres, día 6 de marzo ás 20.00 h, inaugurarase a exposición Vermellas. Chamábanlles “rojas” na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. Trala inauguración, ofrecerase unha revisión musical, a cargo de Grex, Snail, Basi, Iván e Josito a partires das 20.30 h.

A mostra, organizada pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, está dedicada ás mulleres que foron represalidas en Galicia tralo golpe de estado de 1936, permanecendo aberta ao público até o 6 de maio de 2009. A represión e as súas diferentes tipoloxías serán expostas a través das súas protagonistas, mulleres que por distintas condicións socio-culturais e políticas sufriron continuas humillacións e vexacións, perdendo a seres queridos, en moitos casos pasando por penas de cárcere e noutros de forma dramática atopando a morte.

O Proxecto expositivo conta con abundante documentación literaria, ademais de fotografías e material audiovisual procedente do Proxecto de Investigación Interuniversitario “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea na USC Lourenzo Fernandez Prieto e financiado pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que se encargou do asesoramento histórico do mesmo, aportando diferentes gráficas e un mapa no que poder pescudar a represión exercida ás mulleres durante a represión franquista. Así mesmo, o Proxecto proporcionou unha listaxe de nomes das vítimas da bisbarra de Lugo procedentes dos resultados da investigación que o equipo leva desenvolvendo desde o 2006. O Proxecto conta cun importante fondo documental e oral, con 403 entrevistas, algunhas delas seleccionadas para esta exposición.

Ademais da mostra en sala, o programa “Vermellas” contará con diferentes encontros relacionados coa temática da represión, celebrando diferentes conferencias nas que participarán a profesora de Historia Contemporánea e coordinadora do Proxecto de Investigación “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” Chus Souto, a profesora de literatura galega Carmen Blanco e os investigadores Antonio Somoza Cayado e Gustavo Hervella García, que presentarán os resultados do estudo, atendendo de xeito especial á represión de xénero tralo Golpe de Estado. Outro acto programado será o recitado e presentación do poemario “Ámote vermella” de Claudio Rodríguez Fer.

A responsabilidade do proxecto expositivo recae nos grupos de traballo formados por: Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Andrés Domínguez Almansa, Gustavo Hervella García, Chus Martínez Domínguez, Antonio Somoza Cayado e o Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, as voces, os nomes e os lugares".

Gardado en Noticias 6 de marzo de 2009 | sen comentarios

Fondos do Proxecto "Nomes e Voces" na exposición "Galicia pola radio. A historia falada 1933-2008"

Fondos do Proxecto "Nomes e Voces" na  exposición "Galicia pola radio. A historia falada 1933-2008"

O Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" dirixido polo I.P. Lourenzo Fernández Prieto, colabora na exposición "Galicia pola radio. A historia falada 1933-2008" comisariada polo xornalista Manuel F. Rodríguez. A mostra retrata a memoria sonora radiofónica galega atendendo ao periodo comprendido entre 1933 e 2008.

O equipo de Investigación "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", puxo ao servizo do comisario o material gráfico e sonoro preciso para documentar o periodo referente á represión franquista, proporcionando diferentes entrevistas realizadas a represaliados e familiares de represaliados, así como distintas imaxes que conforman os fondos oral e documental do Proxecto.

O vindeiro mércores día 5 de marzo ás 20.00 h, inaugurarase a mostra na Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela, onde poderanse ver diferentes pezas e material gráfico e sonoro procedentes doutros fondos pertencentes a diferentes institucións, entidades, empresas e particulares.

Gardado en Noticias 5 de marzo de 2009 | sen comentarios

O estudo da represión franquista: Conceptos básicos

O estudo da represión franquista: Conceptos básicos

En abril de 2006 as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, asinaron coa Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia un convenio de colaboración para levar a cabo un programa de investigación sobre a represión en Galicia ao comezo da sublevación franquista e durante a guerra e a ditadura.

O obxectivo primordial do proxecto é a constitución dun espazo de investigación e documentación para o estudo histórico da represión, do tempo da guerra civil e da ditadura franquista en Galicia, que sirva para acumular coñecemento sobre un pasado que precisa esclarecemento, ao tempo que para fundamentar a reflexión e enriquecer o patrimonio histórico e cultural do país con memorias, documentos e materiais doutro xeito abocados a perderse.

Os fundamentos de partida do Proxecto de Investigación podían resumirse no que segue: A frustrada sublevación militar de xullo de 1936 provocou a guerra civil. No territorio galego, lonxe das frontes, púxose en marcha unha intensa represión coa intención de quebrar as bases do poder político e social existente, que dificultaba o derrubo e substitución do réxime democrático. A represión sistemática adoptou unha ampla gama de formas e manifestacións: A represión extraxudicial coa desaparición e asasinato de persoas coa inhibición dos poderes públicos; a represión institucional dos sublevados con detencións e consellos de guerra con resultado de morte ou cárcere; as medidas económico-administrativas concretadas en depuracións profesionais, cuantiosas incautacións e multas, vexacións, persecucións, humillacións, exilio e un longo etcétera.

O Proxecto de investigación marcouse tres obxectivos:

A) Elaboración dunha relación de nomes das vítimas da represión en Galicia no período da Guerra Civil (1936-1939).

B) A realización dun plan de entrevistas para recoller a memoria da represión en Galicia.

C) No camiño de rescatar lugares da memoria oculta, búscase aportar un coñecemento exhaustivo de todos os lugares nos que se sufriu a represión en Galicia.

Concepto de vítima da represión franquista. Xustificación

Definición de vítima: Individuo que sufriu un prexuízo físico, económico, administrativo e/ou psicolóxico como consecuencia directa ou indirecta da súa falta de afinidade/diferencias reais ou atribuídas cos sublevados. Esta definición permite que os resultados das investigacións sexan comunicables e, o que aínda é máis importante, susceptibles de verificación.

En principio, distínguense dous tipos de represión:

- REPRESIÓN OFICIAL ou represión institucional dos sublevados: Refírese á recoñecida e autorizada por quen tiña capacidade para elo (o novo poder militar franquista).

- REPRESIÓN EXTRAOFICIAL ou extraxudicial, a que se exerce sen a autorización explícita [vs. consentimento tácito] dese poder.

Ámbalas poden adoptar tres modalidades, que normalmente van asociadas (se ben a súa intensidade é distinta segundo o período estudado):

Segundo a forma de exercer a represión distinguimos:

- REPRESIÓN FÍSICA: detencións, malleiras, execucións...

- ECONÓMICO-ADMINISTRATIVA: incautacións de bens, sancións, depuracións, inhabilitacións.

- REPRESIÓN PSICOLÓXICA (só avaliable a través da percepción das víctimas), relacionada cos sentimentos de medo e terror derivados da actuación dos sublevados. Trátase dun medo “a posibilidade” de ser obxecto das outras dúas modalidades de represión. É, por tanto, ansiedade fronte o que potencialmente pode acontecer. Pode ser non directamente motivada (relacionada co ambiente social, cos rumores, cas noticias dos xornais, as simpatías políticas demostradas no pasado...) ou directamente motivada (ameazas, ter sufrido anteriormente algunha das outras modalidades de represión...).

Gardado en Noticias 1 de marzo de 2009 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez