Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

Cuarta fase do Proxecto de Investigación Interuniversitaria "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares"

Cuarta fase do Proxecto de Investigación Interuniversitaria "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares"

O Consello da Xunta ven de autorizar o pasado 26 de marzo de 2009, a sinatura dun convenio polo que a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, achega 231.000 euros ao Proxecto de Investigación Interuniversitario"As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", auspiciado polas tres universidades galegas, de Santiago, Vigo e A Coruña, e dirixido polo catedrático de Historia Contemporánea na USC, Lourenzo Fernández Prieto, quen encabeza un grupo integrado por dez especialistas.

Deste xeito, o estudo chega este ano á súa cuarta fase, que se centrará na represión en Galicia durante a ditadura franquista relativa ao período comprendido entre 1940 e 1977.

O estudo pescudará na documentación e a bibliografía para investigar sobre a represión económica, as causas militares abertas nese período, a guerrilla e a loita antifranquista, o sistema represivo e penitenciario, etc. Tamén se realizarán entrevistas persoais e se incorporarán fontes orais doutros estudos.

Esta nova xeira complétase co establecemento de liñas de colaboración con outras iniciativas de investigación e con tarefas de difusión do proxecto que propiciarán a disposición da base de datos da investigación na web do proxecto: http://www.anodamemoria.com.

O Proxecto "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" naceu para estudar a represión franquista tras o Golpe de Estado de 1936 e da Ditadura, ofrecendo á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou a súa posición favorable á democracia republicana. Esta tarefa abórdase desde a perspectiva do rigor da investigación histórica, cubrindo deste xeito, os baleiros existentes sobre este período de estudo, e fundamentalmente poñendo ao servizo da sociedade galega os nomes dos represaliados polo franquismo, a través dunha base de datos específica que recolla os principais datos de cada persoa. Ao tempo, recoller as voces dos que pasaron polo cárcere, o exilio ou estiveron agochados, así como as lembranzas dos seus familiares máis achegados. Por último, botar luz sobre os lugares da represión, as cunetas, os cemiterios, as corredoiras ou os montes, onde os represaliados foron asasinados ou foron vexados.

Gardado en Noticias 27 de marzo de 2009 | sen comentarios

Colaboración do Proxecto "Nomes e Voces" no Programa "A Ponte" da USC

Colaboración do Proxecto "Nomes e Voces" no Programa "A Ponte" da USC

Os investigadores do Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", Andrés Domínguez Almansa e Antonio Somoza Cayado, presentarán o traballo desenvolto nos últimos tres anos polo Proxecto, aos alumnos dos institutos de Cangas do Morrazo.

A primeira das conferencias terá lugar no I.E.S. de Rodeira a partires das 10.00 h, para posteriormente visitar o I.E.S María Soliño e impartir a súa exposición aos alumnos deste centro xunto aos estudantes do IES Montecarrasco, ás 12.00 h.

Estas conferencias enmarcánse no Programa "A Ponte entre o Ensino Medio e a USC", organizado pola Universidade de Santiago de Compostela co fin de vincular a USC co alumnado galego máis novo.

Máis información do Programa "A Ponte" >>

Gardado en Noticias 17 de marzo de 2009 | sen comentarios

O profesor Emilio Grandío presentará o Proxecto no "Congreso para o estudo da cultura do exilio republicano" na Coruña

O profesor Emilio Grandío presentará o Proxecto no "Congreso para o estudo da cultura do exilio republicano" na Coruña

O vindeiro sábado, día 14 de marzo ás 10.00 h o profesor e coordinador pola provincia da Coruña do Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", Emilio Grandío Seoane, presentará o traballo desenvolto nos últimos tres anos polo Proxecto, nas xornadas "70 anos despois. Congreso para o estudo da cultura do exilio republicano" que se celebrarán no Pazo de Mariñán (A Coruña) desde o 12 ao 14 de marzo. Estas xornadas están organizadas por un comité formado polos seguintes persoeiros, todos eles vencellados ao ámbito da investigación e da cultura: Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Isaac Díaz Pardo, Gregorio Ferreiro Fente e Charo Portela Yáñez.

Con estas xornadas, auspiciadas pola Secretaría Xeral de Comunicación, a Deputación Provincial da Coruña, o Centro Galego das Artes da Imaxe e o Instituto de Información, preténdese conmemorar o setenta aniversario do inicio do exilio republicano español en 1939, celebrando diferentes conferencias e encontros nos que atender a realidade da cultura galega no exilio.

Ver currículo de Emilio Grandío Seoane>>

Gardado en Noticias 14 de marzo de 2009 | sen comentarios

Colaboración do Proxecto na publicación "Azos de memoria. Carral nos anos trinta"

A Asociación Cultural "Cultura Aberta de Carral" vai presentar "Azos de memoria. Carral nos anos trinta", un libro dedicado á recuperación da memoria local da vila de Carral, que pretende ser unha achega ao contexto social e político desta vila na primeira metade do século XX.

O Proxecto de Investigación "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", colaborou con esta iniciativa editorial poñendo a disposición da Asociación "Cultura Aberta" o seu fondo oral, que neste momento está formado por 404 entrevistas realizadas nas catro provincias galegas e fóra de Galicia. Deste fondo, incluiuse no libro, un fragmento da entrevista que o Proxecto realizou a José Otero González (A Coruña, 1920), irmán de Manuel Otero González, asasinado no ano 1936 na cidade da Coruña.

Gardado en Noticias 12 de marzo de 2009 | sen comentarios

Conferencia do profesor Xosé Fortes Bouzán na Facultade de Xeografía e Historia da USC

Conferencia do profesor Xosé Fortes Bouzán na Facultade de Xeografía e Historia da USC

O capitán do exército en 1974 José Fortes (Pontevedra, 1934), (un dos nove militares expulsados das Forzas Armadas por pertencer á Unión Militar Democrática (UMD e hoxe director do Instituto de Ensinanza Media A Xuqueira de Pontevedra) ofrecerá unha conferencia na facultade de Xeografía e Historia o mércores día 11 ás 13.00 h, invitado polo Departamento de Historia Contemporánea e América da U.S.C.A conferencia, que ten por título "Os militares na Transición á Democracia en España" tratará os anos convulsos da transición democrática, cando se cumpren en 2009 trinta anos das primeiras eleccións municipais de 1979, que á súa vez lembraron ás que trouxeran a República en 1931.

Cando en abril de 1974 o exército portugués protagoniza o movemento dos cravos creuse que este acontecemento podería producirse en España. Así, en agosto dese ano un grupo de oficiais españois contrarios á ditadura franquista creou unha organización dentro das forzas armadas coa intención de, en palabras dun dos fundadores: "En vez de un pronunciamiento activo debíamos ensayar un pronunciamiento negativo: Mojar la pólvora de aquel ejército azul. O ideario da organización, feito público en setembro contiña os seguintes puntos: elaboración dunha constitución democrática, restablecemento das liberdades individuais e colectivas, melloras nas condicións de vida da poboación e reforma do exército acorde cos novos tempos.

A U.M.D, aínda que unha organización pouco numerosa e non demasiado implantada no exército, molestaba ao poder e, sobre todo, aos militares que se vían como os sustentadores e verdadeiros adalides do réxime franquista. Así, no verán de 1975 foron detidos os principais líderes da organización que, en conxunto, foron condenados a 43 anos de cadea e á expulsión do exército, feito este que padeceu José Fortes.

Gardado en Noticias 11 de marzo de 2009 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez