Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

A USC e a Fundación Luís Tilve establecen o marco de futuras colaboracións, fundamentalmente no estudo do sindicalismo galego

A Universidade de Santiago e a Fundación Luís Tilve colaborarán na organización de diversos eventos académicos así como en consultas documentais, investigacións, encontros de investigadores e publicacións en virtude dun convenio marco que este venres asinaron o reitor Senén Barro e o presidente da Fundación, Xesús Mosquera. Asistiron ademais ao acto o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e o director do arquivo da Fundación, Guillerme Pérez Agulla.

A Luís Tilve é unha institución cultural privada que, entre outros cometidos, se encarga de xestionar o arquivo histórico e a biblioteca de UGT-Galicia; investigar e difundir a historia do movemento obreiro en Galicia e particularmente do sindicalismo socialista; así como fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, xurídicas e económicas, centrándose no mundo laboral e na formación da clase traballadora galega.

Unha vez asinado o acordo, dunha vixencia de cinco anos, as dúas partes asinantes comezarán a artellar o programa dun curso de verán a desenvolver este ano coa participación dos investigadores do Departamento de Historia Contemporánea da USC. Xa no que atinxe á vertente investigadora, realizaranse diversas actividades en torno á historia do sindicalismo e dos movementos sociais, así como a súa problemática na sociedade galega de hoxe.

Compartir fondos bibliográficos e documentais e colaborar co equipo de investigación interuniversitaria ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’ nos seus proxectos de investigación e divulgativos son outros dos cometidos concretados ata o momento pola Universidade e a Fundación.

Para facilitar a elaboración dos convenios específicos e o seu adecuado cumprimento constituirase unha comisión mixta paritaria integrada polo vicerreitor de Relacións Institucionais da USC e por Guillerme Pérez.

Gardado en Noticias 27 de febreiro de 2009 | sen comentarios

Presenza do Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces" nas IV Jornadas Archivo y Memoria: La memoria de los conflictos: legados documentales para la historia

Presenza do Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces"  nas IV Jornadas Archivo y Memoria: La memoria de los conflictos: legados documentales para la historia

O I.P do proxecto, Lourenzo Fernández Prieto e os investigadores Andrés Domínguez Almansa, Gustavo Hervella García e Antonio Somoza Cayado participan nas xornadas organizadas en Madrid pola Fundación de los Ferrocarriles Españoles co traballo Los archivos para el estudio de la represión franquista en Galicia. La experiencia del Proxecto de Investigación Interuniversitario As vítimas, os nomes e as voces.

Na comunicación abórdase a problemática dos arquivos públicos galegos que conteñen documentación referente á represión franquista en Galicia e que foron visitados polos propios autores, xunto cos demais membros do equipo. Analizáronse as fontes documentais, visitando os seguintes centros: Dependentes do Ministerio de Defensa (arquivos da IV Rexión Militar), da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado (rexistros civís dos 315 municipios de Galicia) e da Dirección Xeral de Prisións (cárceres provinciais). A conservación e recuperación da documentación alí depositada convértese, así, nunha tarefa esencial para o estudo da represión. Nesta comunicación analízase o estado da mesma, a súa utilización e as dificultades e, se é o caso, as facilidades de acceso por parte dos investigadores a cada un destes centros. Así mesmo, avaliamos a posibilidade de converter cada un destes arquivos en verdadeiros centros de documentación, non de "almacén de papeis".

Gardado en Noticias 19 de febreiro de 2009 | sen comentarios

O Proxecto dixitaliza a colección xornalística Solidaridad Obrera, propiedade de José Villaverde Velo

O Proxecto dixitaliza a colección xornalística <i>Solidaridad Obrera</i>,  propiedade de José Villaverde Velo

O Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" vai incrementar o seu fondo documental coa dixitalización duns documentos xornalísticos de valor histórico destacado, que permitirán achegarse dun xeito máis directo á realidade do movemento obreiro de anteguerra en Galicia. Trátase da colección do xornal Solidaridad Obrera editado na Coruña, en dúas etapas, entre 1930 e 1936. Esta colección, propiedade da familia Villaverde Otero, pertenceu ao líder anarquista José Villaverde Velo (Compostela, 1894- Arteixo, 1936). Esta colección preséntase como referente no Estado pola súa relevancia e importancia histórico social, xa que é en Amsterdam onde se pode consultar outra de menor envergadura.

Villaverde Velo foi director e asiduo colaborador desta publicación, así como doutras semellantes editadas en Madrid, Barcelona ou Valencia. Destacables son tamén as reproduccións de discursos e mitins dos principais líderes da CNT así como a colección fotográfica e de debuxos que presentas as páxinas, e que serán recollidas individualmente na dixitalización.

Xunto con Solidaridad Obrera (Solidaridad, tras 1934), tamén se rescataron exemplares de La Calle, que comezara a súa andaina en 1936, e que contaba coa participación de simpatizantes do Partido Sindicalista coruñés e onde José Villaverde escribía a sección “Flechazos”; Brazo y Cerebro xornal anarquista que comeza a editarse o 1º de maio de 1935 cunha periodicidade quincenal, continuando sen interrupción até o golpe de estado franquista. Os contidos abranguían a cultura, a arte e diferentes temas da vida cotián e Combate Sindicalista, xornal que aparece no ano 1936.

Ademais destes periódicos relacionados directamente coa II República os fondos do proxecto incrementaranse cos cabeceiras tan destacadas como: Tierra y Libertad, xornal anarquista mexicano que comprende os anos 1972-1984, La Campana (Pontevedra) posto en marcha na década dos oitenta, CNT (Madrid) de 1977, Solidaridad Obrera. Organo de la CNT de Catalunya (Barcelona) de 1979, entre outras.

Con este traballo, o Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" porá á disposición de investigadores, xornalistas e interesados en xeral, uns documentos de valor histórico incalculable.

Gardado en Noticias 17 de febreiro de 2009 | sen comentarios
Etiquetado como Páxina Web, Memoria, Guerra civil, Investigación, Historia, Represión

O Proxecto de Investigación achega a represión franquista aos institutos de Cangas

O Proxecto de Investigación achega a represión franquista aos institutos de Cangas

O Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" dirixido polo I.P. Lourenzo Fernández Prieto, acudirá o vindeiro martes, día 17 de febreiro, a Cangas do Morrazo para impartir dúas conferencias aos alumnos dos institutos da vila pontevedresa: I.E.S. María Soliño e I.E.S. Montecarrasco. Ditos actos están enmarcados no Programa "A Ponte entre o Ensino Medio e a USC", en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

Os responsables das conferencias serán os investigadores do Proxecto Andrés Domínguez Almansa e Antonio Somoza Cayado, que abordarán os resultados provisorios da investigación na que o Proxecto “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" leva desenvolvendo desde o ano 2006 ao redor do estudo da guerra civil e da represión franquista en Galicia, achegandose de xeito especial á represión franquista en Cangas.

Con este traballo, o Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces" porá á disposición da cidadanía máis nova de Cangas, información que arroxe luz sobre esta etapa da historia de Galicia, poñendo no seu coñecemento o importante fondo oral e documental que o proxecto ten configurado.

Gardado en Noticias 17 de febreiro de 2009 | sen comentarios
Etiquetado como Educación

Carlos F. Velasco Souto presenta o libro "A represión franquista en Oleiros (1936-1950)"

Carlos F. Velasco Souto presenta o libro "A represión franquista en Oleiros (1936-1950)"

Carlos F. Velasco Souto (Tomeza, Pontevedra, 1958), doutor en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor na Facultade de Humanidades en Ferrol, asesor histórico do Proxecto de Investigación Interuniversitaria "As vítimas, os nomes e as voces" e especialista en temas de historia social de Galiza, ven de presentar o libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950) publicado na colección Cadernos de Estudios Oleirenses da editorial Trifolium. O traballo preséntase como unha minuciosa achega ao golpe de estado de 1936 e á ditadura franquista contextualizado no concello de Oleiros (A Coruña), nun intento por botar luz a este capítulo da nosa historia.

O autor ofrece os resultados do traballo que levou a cabo nesta vila coruñesa sobre a represión franquista na que leva traballando activamente nos últimos anos como demostran outros estudos asinados por el: Agitacións campesinhas na Galiza do século XIX (Santiago de Compostela, Eds. Laiovento, 1995), Labregos Insubmissos (Santiago de Compostela, Eds. Laiovento 2000), Galiza na II República (Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2000), O Agrarismo Galego, (Santiago de Compostela, Eds. Laiovento, 2002) ou 1936. Represión e Alzamento militar en Galiza (Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2006).

O libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950) estruturase en tres capítulos onde aborda o Bienio Progresista, o Bienio Negro e o Fronte Popular e a represión. A través destes bloques temáticos, Carlos F. Velasco Souto dá explicación aos acontecementos que se precipitaron nos derradeiros anos da República, rematando nunha cruenta represión, estruturada en diversos tipos: física, económica, laboral e ideolóxica. Así mesmo, atende aos represores, dando nomes de persoeiros que tiveron responsabilidade, cando menos política, nos asasinatos de Oleiros.

O ensaio de carácter científico complétase con reproducións de documentos e táboas de información, ofrecendo os nomes dos protagonistas conservados ao longo deste tempo.

Gardado en Noticias 16 de febreiro de 2009 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez