Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

O documental "Flores tristes" estrea na Coruña

O documental "Flores tristes" estrea na Coruña

O vindeiro venres, día 26 de novembro ás 20.30 h, Manuel Abad estrea o filme documental "Flores Tristes" na cidade herculina, no Teatro Rosalía de Castro.

Este último traballo do realizador coruñés, escolle as flores que nacen nas cunetas como poético fio condutor dunha achega á represión franquista acontecida en Galicia, mediante as testemuñas de vítimas e familiares, atendendo a algunhas recreacións que evidencian e ilustran ese terrible episodio da historia galega.

Para a elaboración de dita langometraxe, contou coa colaboración do Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" dirixido polo I.P. Lourenzo Fernández Prieto, que puxo ao servizo da produtora o material gráfico e sonoro preciso para documentar os diferentes episodios desa cruenta represión, proporcionando unha parte dos nomes desas vítimas que conforman a base de datos do Proxecto e que no documental teñen unha importante presenza. Así mesmo, o Proxecto prestou ao documental moitas das fotografías que aparecen na cinta, e que integran unha base na que recóllense un importante número de fondos gráficos cedidos por familiares e colectivos, así como algún material audiovisual.

Ligazón Flores Tristes>>

Gardado en Noticias 26 de decembro de 2008 | sen comentarios

Agradecementos á investigación que está a desenvolver o proxecto "As vítimas, os nomes e as voces"

O pasado mes de novembro púxose en contacto co Proxecto de Investigación o fillo do guerrilleiro asturiano Víctor García. Solicitaba información sobre seu pai e, a ser posible, poder saber onde estaba enterrado.

Víctor García alias "O Brasileño" foi enviado desde Francia pola Internacional Comunista en Cuba para reorganizar o partido, primeiro en Portugal e logo en España. Foi o responsable de evacuar o deputado comunista de Bilbao, Leandro Carro, un dos fundadores do P.C.E. Morreu en Silleda a fins dos anos corenta.

As pescudas dos investigadores do proxecto levaron a acumular documentación que se lle remitiu a Víctor García Fernández. Este redactou unha Carta ao Director de El País, que aquí se reproduce.

Gardado en Noticias 23 de decembro de 2008 | sen comentarios

Celebración da homenaxe aos represaliados de Marín no "Pozo da Revola"

Celebración da homenaxe aos represaliados de Marín no "Pozo da Revola"

A “Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín”, ven de celebrar unha homenaxe ás vítimas da represión franquista en Marín dentro dun programa denominado o "Mes da Memoria". Con este motivo, o pasado sábado día 20 de decembro, inaugurouse un monolito no "Pozo da Revolta" como homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez "A Capirota" e a todos os represaliados da vila.

Dito acto contou coa presenza do alcalde de Marín, Francisco Andrés Veiga Soto, a Presidenta da “Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín”, Enriqueta Otero Farto, e Gustavo Hervella García, investigador do Proxecto de Investigación Interuniversitaria “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”, que dirixe o catedrático Lourenzo Fernández Prieto.

Este programa de actos, rematará o día 31 de decembro, data na que foron fusilados o alcalde democrático de Marín, Antonio Blanco Solla e outros veciños desta localidade. Como ven sendo habitual nos últimos anos, procederase á colocación dunha ofrenda floral no monolito que inicia o paseo marítimo que leva o nome do alcalde fusilado, nun acto que, según a organización, pretende render homenaxe aos seis asasinados neste lugar.

Gardado en Noticias 22 de decembro de 2008 | sen comentarios

Homenaxe no “Pozo da Revolta” aos represaliados de Marín

Homenaxe no “Pozo da Revolta” aos represaliados de Marín

A “Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín”, en colaboración con diversos colectivos e institucións, levará a cabo un programa de actos a celebrar durante o mes de decembro baixo o título "Mes da Memoria".

Un dos actos previstos será a homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez "A Capirota" e a todos os represaliados da vila o vindeiro sábado, día 20 de decembro, ás 12.30 h. Con este motivo, inaugurarase un monolito no “Pozo da Revolta” situado en Bagüín, de cuxo texto é responsable o equipo do Proxecto de Investigación Interuniversitaria "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares". Dito acto contará coa presenza do alcalde da vila, Francisco Andrés Veiga Soto, dun representante da “Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín” e do catedrático de Historia Contemporánea na USC e Investigador Principal do Proxecto de Investigación Interuniversitaria “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”, Lourenzo Fernández Prieto.

A programación de actos dará comezo o venres, día 18, ás 20.30 h coa apertura da exposición fotográfica "Un soño truncado", da Asociación 28 de agosto de Cangas instalada no Museo Manuel Torres.

O programa culminará o día 31 de decembro, a data na que foron fusilados o alcalde democrático de Marín, Antonio Blanco Solla e outros veciños desta localidade. Como ven sendo habitual nos últimos anos, procederase á colocación dunha ofrenda floral no monolito que inicia o paseo marítimo que leva o nome do alcalde fusilado, nun acto que, según a organización, pretende render homenaxe aos seis asasinados neste lugar.

Gardado en Noticias 20 de decembro de 2008 | sen comentarios

Remate do convenio de colaboración entre a Sociedade de desenvolvemento Comarcal de Galicia e a U.S.C a través do proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces".

O Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes as voces e os lugares" comprometérase a realizar unha investigación histórica e documental sobre a represión da guerra civil e do franquismo en Galicia, en colaboración cos centros comarcais dependentes da S.D.C.G. Pola súa banda, esta subvencionouno para a realización do traballo, o que permitiu o aluguer dun vehículo que se empregou para a realización das entrevistas e a vista aos rexistros civís de defuncións de Galicia.

O convenio contemplou o asesoramento e documentación en cantas iniciativas relacionadas coa recuperación da memoria da represión franquista se levasen a cabo nos centros comarcais de Galicia. Nestas actividades, ben fosen exposicións, publicacións, conferencias ou calquera outro medio de difusión dos fondos documentais recollidos polo Proxecto de Investigación Interuniversitario tiveron como organizadores ao propio Proxecto e á S.D.C.G.

Gardado en Noticias 19 de decembro de 2008 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez