Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

O Proxecto visita o cárcere da Coruña

O Proxecto de Investigación Interuniversatario “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” está a realizar o traballo de baleirado dos libros de rexistros de prisións de Galicia entre 1936 e 1939. Neste momento está visitando o cárcere da Coruña. Para levar a cabo este traballo, o I.P. do Proxecto, Lourenzo Fernández Prieto, solicitou un permiso especial á Dirección General de Instituciones Penitenciarias para a consulta desta documentación o cal foi outorgado sen problema, especificando que "podrán ser consultados los expedientes de internos, siempre que hayan transcurrido los 50 años que prevé la Ley de Patrimonio", cousa que evidentemente non sucede cos que aquí tratamos.

Até o de agora, xa se visitou o Arquivo Provincial de Ourense onde están os documentos referentes a esta provincia para o periodo histórico que estamos a estudar e neles consta o nome de 2.608 presos gobernativos.

Nos próximos meses, os investigadores do proxecto procederán ao estudo da documentación penal da provincia de Lugo, depositador no arquivo Histórico Provincial.

No caso do arquivo da prisión da Lama-Pontevedra, existe a intención por parte das autoridades penitenciarias de trasladar os expedientes ao Arquivo Provincial, onde a súa consulta será moito máis fácil.

Gardado en Noticias 25 de setembro de 2008 | sen comentarios

O Proxecto de Investigación Interuniversitario recupera os diarios de Jesús Carballo Quiroga

O Proxecto de Investigación Interuniversitario recupera os diarios de Jesús Carballo Quiroga

O pasado mes de xullo de 2008 o Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces" recuperou os diarios do mariñense Jesús Carballo Quiroga, onde narra as vivencias que el e os seus veciños tiveron ao longo da guerra civil e da ditadura franquista.

En catro tomos, este mariñeiro conta os seus recordos, na vila pontevedresa desde moi cedo (el nacera en 1917), a II República, a Guerra civil e a súa estancia en Pasaia onde acabou residindo, como tantos outros mariñeiros galegos.

Estes documentos, propiedade da súa familia, foron recollidos polos colaboradores do proxecto na vila guipuscoana José Ignacio Elortegi e Xabier Portugal (de quen debemos lamentar o seu recente falecemento), que xentilmente nos cederon unha copia.

Esta documentación xúntase aos diarios que o Proxecto de Investigación pensa poñer proximamente a disposición dos cidadáns e nos que se reflicten as vivencias de moitos dos galegos represaliados pola ditadura. Un deles, o de Luís Pérez, verá proximamente a luz en Ediciós do Castro.

Gardado en Noticias 12 de setembro de 2008 | sen comentarios

O Proxecto de Investigación dixitaliza o diario de Gonzalo Becerra

O Proxecto de Investigación dixitaliza o diario de Gonzalo Becerra

O proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces" ven de dixitalizar o diario do agochado das Nogais, Gonzalo Becerra. Este documento, de valor histórico destacado foi prestado ao proxecto por parte do actual propietario Ovidio Becerra, irmán do autor do escrito. Son máis de 10.000 imaxes dixitais dun texto manuscrito onde o autor vai narrando a cotidianidade da súa familia, desde os duros anos da guerra civil até finais da década dos sesenta.

A familia Becerra é unha das tantas galegas que padeceu a persecución franquista durante a ditadura. Dous fillos, Manuel Antonio e Gonzalo estiveron agochados na súa casa durante anos, sendo Gonzalo exemplo de "toupo" ao saír en 1975 trala morte de Franco.

A través do escrito podemos saber como era a vida dunha familia labrega durante a ditadura, as inquedanzas políticas dos primeiros anos e os problemas económicos aos que se enfrontaban. Con este traballo, o Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces" porá á disposición da cidadanía uns documentos dun valor histórico incalculable.

Gardado en Noticias 11 de setembro de 2008 | sen comentarios

Presenza do I.P. do Proxecto en Madrid

O vindeiro xoves 11 de setembro o I.P. do Proxecto de Investigación “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", Lourenzo Fernández Prieto dará unha conferencia sobre os resultados da investigación que, sobre a represión da guerra civil en Galicia se deron a coñecer o pasado mes de xullo. A intervención, que se celebrará na Casa de Galicia en Madrid, enmárcase nos actos que, con ocasión da mostra fotográfica Rostros da memoria se presenta na capital do estado. Esta colección de imaxes, obra de Xurxo Lobato, amosan os rostros dalgúns d@s represaliad@s da guerra civil en Galicia entre 1936 e 1939 e na que colaboraron os investigadores do debandito Proxecto.

Gardado en Noticias 3 de setembro de 2008 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez