Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

Isaac Díaz Pardo deseña o anagrama identificativo do Proxecto “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”

Isaac Díaz Pardo deseña o anagrama identificativo do Proxecto “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”

Isaac Díaz Pardo dotou ao Proxecto “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” dun anagrama que o identifica desde o mes de xullo. O autor, un dos fundadores do Laboratorio de Formas de Galicia, fillo do represalido Camilo Díaz Baliño e membro do Consello pola Memoria, quixo colaborar con este xesto na visibilidade da recuperación da memoria da represión e da súa investigación. O deseño está formado por dous círculos, formas xeométricas que abrazan a policromía e que o artista explica como “dúas cores; unha azul que cerca e domina a outra roxa”. Este deseño é simboloxía de vida, de memoria e dignidade; identificación do pasado feito presente a través da recuperación e da posta en valor da historia de Galicia.

Gardado en Noticias 23 de xullo de 2008 | sen comentarios

O Proxecto de Investigación rematou co baleirado dos rexistros civís de defuncións de Galicia

O traballo cos datos do rexistros civís de Galicia foi asumido polo Proxecto de Investigación como unha tarefa imprescindible para obter as cifras da represión franquista en Galicia.

O baleirado dos rexistros civís de Galicia foi un traballo necesario para poder dilucidar o número aproximado de mortos por causa da represión extraxudicial acontecida en Galicia entre 1936 e 1939. Escolléronse estas dúas datas como límite ao seren tamén as que se estableceran para o baleirado das causas militares e así poder analizar os datos no mesmo período cronolóxico. Os investigadores estableceron unha serie de pautas á hora de proceder á recollida de nomes, necesarias para non incrementar o número de falecidos de xeito irreal. Certamente, para que o proxecto non fose acusado de incrementar as cifras, ante a dúbida recolléronse os nomes noutra listaxe e se a dúbida era moi profunda non se recollían.

O traballo realizado cos rexistros civís considerouse en diferentes etapas: En primeiro lugar, levouse a cabo o baleirado das principais cidades de Galicia, é dicir, A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Vigo, Tui, Vilagarcía e Monforte de Lemos.

O seguinte paso foi visitar o resto de concellos de Galicia, a excepción dos de Ourense que xa foran estudados por Julio Prada e que, como coordinador do Proxecto de Investigación nesa provincia, amablemente nos cedeu todos os datos dos que dispuña.

os investigadores do Proxecto procuráronse documentación lexislativa de carácter estatal onde houbese algunha resolución que confirmase a posibilidade de que os historiadores accedesen a esta información: a resolución da Dirección General de Registros de marzo de 2007, a resolución do BOE de agosto de 2007 e a interpelación do grupo parlamentario do GV-PNV no Congreso dos Deputados en setembro de 2004

Gardado en Noticias 22 de xullo de 2008 | sen comentarios

O Proxecto de Investigación Interuniversitario `As vítimas, os nomes, as voces e os lugares´, publica o informe de progreso cos resultados actuais do seu traballo de investigación ao redor da guerra civil e a represión franquista en Galicia

O Proxecto de Investigación Interuniversitario `As vítimas, os nomes, as voces e os lugares´, publica o informe de progreso cos resultados actuais do seu traballo de investigación ao redor da guerra civil e a represión franquista en Galicia

O Proxecto de Investigación Interuniversitario As vítimas, os nomes, as voces e os lugares, publica o informe de progreso cos resultados actuais do seu traballo de investigación ao redor da guerra civil e a represión franquista en Galicia, desenvolto entre xuño de 2006 e xullo de 2008.

Desde abril de 2006 o equipo de investigadores do Proxecto está a traballar coas fontes primarias documentais que poidan aportar datos sobre aqueles anos, e, ao tempo, está a realizar entrevistas (neste intre son xa máis de 300) a persoas que sufriron a represión directamente ou aos seus familiares máis achegados.

O que agora se presenta é unha relación de vítimas contabilizadas da represión franquista en todas as tipoloxías: mortos, encadeados ou xulgados. Esta cifra, actualizada até hoxe, verase incrementada co baleirado doutras fontes e co aumento das entrevistas. Para sistematizar a información que se obtivo construíuse unha base de datos que recolle os nomes e reflicte a traxectoria dos afectados. Esta base de datos estará a disposición do público antes de finalizar o presente ano.

Xunto co baleirado de fontes documentais e a realización de entrevistas, o proxecto de investigación está a rescatar lugares da memoria oculta; búscase aportar un coñecemento exhaustivo de todos os lugares nos que se sufriu a represión en Galicia. Isto concretarase no cartografiado da represión que inclúa a distribución espacial e nunha análise dos lugares que se convertiron en escenarios máis relevantes da represión.

Gardado en Noticias 11 de xullo de 2008 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez