Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

Participación do Proxecto de Investigación en Cursos, Congresos e Coloquios

Os membros do Proxecto "As vítimas, os nomes e as voces" participarán en diferentes cursos, congresos e coloquios de carácter internacional.

Antonio Miguez Macho e Mónica Rocha Novoa presentan a comunicación “Fuentes y metodología para el estudio de la Represión y la Guerra Civil. El Proyecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" no congreso Novísima II Congreso Internacional de Historia de Nuestro Tiempo, que se celebrará na Universidad de la Rioja.

A comunicación “Mujer, memoria y represión” realizada por Andrés Domínguez Almansa, Gustavo Hervella García, Antonio Somoza Cayado e Lourenzo Fernández Prieto será presentada en Murcia os días 17,18 e 19 de setembro de 2008 no IX Congreso de Historia Contemporánea.

Lourenzo Fernández Prieto. I.P. do Proxecto de Investigación participará nas xornadas que levan por título Jornades de treball sobre fosses comunes i simbologia franquista” para participar na mesa redonda “L'estudi de les fosses: un treball interdisciplinari”. A celebración, patrocinada pola Direcció General de la Memòria Democràtica, terá lugar en Barcelona en outubro de 2008.

Andrés Domínguez Almansa e Antonio Somoza Cayado participarán no mes de outubro no coloquio Memoria, Exilio y alteridad celebrado en Perpignan, coa comunicación “La mujer en el vórtice del terror: golpe de estado, represión y género (Galicia 1936-1939)”.

Gardado en Noticias 29 de xullo de 2008 | sen comentarios

O Proxecto de Investigación acometerá Proximamente o baleirado dos libros de rexistros de prisións de Galicia para o periodo 1936-1939

O Proxecto de Investigación Interuniversatario vai afrontar nos próximos meses o traballo de baleirado dos libros de rexistros de prisións de Galicia entre 1936 e 1939. Até o de agora, xa se visitou o Arquivo Provincial de Ourense onde están os documentos referentes a esta provincia e neles consta o nome de 2.608 persoas que foron presos gobermativos durante a guerra civil. O seguinte paso será visitar o Arquivo de Lugo e o da cárcere da Coruña (único que aínda non cedeu os fondos ao provincial). Neste último caso, o I.P. do proxecto solicitou un permiso especial á Dirección General de Instituciones Penitenciarias para a consulta desta documentación o cal foi outorgado sen problema, especificando que "podrán ser consultados los expedientes de internos, siempre que hayan transcurrido los 50 años que prevé la Ley de Patrimonio", cousa que evidentemente non sucede cos que aquí tratamos. Para o caso da prisión de A Lama-Pontevedra, existe a intención por parte das autoridades penitenciarias de trasladar os expedientes ao Arquivo provincial, onde a súa consulta será moito máis fácil.

Os presos gobernativos do franquismo son aquelas persoas que pasaron por prisión preventiva por tempo indeterminado e que non sufriron ningún tipo de pena xudicial, máis que a súa privación de liberdade, non sendo acusados de nada de xeito evidente. Estamos a referirnos a un número moi importante de galegos que padeceron unha represión silenciosa á que se chega na maioría dos casos por vía oral e coa corroboración da fondo documental coa que proximamente imos traballar.

Gardado en Noticias 28 de xullo de 2008 | sen comentarios

Presenza do I.P. do Proxecto no curso da universidade de verán Rafael Altamira

O Investigador Principal do proxecto e catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto asistiu como ponente ao curso de verán "La memoria histórica. La dignidad de los represaliados y movilización cívica", celebrado en Alacante e organizado pola Universidad de Verano Rafael Altamira.

A súa ponencia tiña por título "La actitud de los partidos políticos ante la aplicación de la Ley de la Memoria Histórica. La experiencia de Galicia", onde reflexionou sobre os estudos que desde o Proxecto de Investigación que dirixe se están a levar a cabo, así como dos problemas e circunstancias que acompañaron á investigación desde que en 2006 se puxera en marcha o Proxecto. Amosouse a colaboración por parte do goberno galego a través da Consellería de Cultura e Deporte cos estudos e os traballos que xiran ao redor da memoria histórica, e a colaboración prestada aos investigadores por parte do Archivo de la IV Región Militar e da maioría dos rexistros civís, destacando neste aspecto o empuxe favorable á investigación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Como colofón, Lourenzo Fernández participou nunha mesa-debate xunto a Manel Risques Corbella, profesor da universidade de Barcelona e Glicerio Sánchez Recio, catedrático da universidade de Alacante.

Gardado en Noticias 24 de xullo de 2008 | sen comentarios

O Proxecto de Investigación ten arquivadas mais de 6.000 imaxes dixitais referentes á represión

Os contidos documentais do Proxecto de Investigación están relacionados en primeiro termo coas entrevistas que os investigadores do proxecto levaron a cabo e, en porcentaxe menor, responden a doazóns privadas de particulares que nos cederon unha copia da documentación que foron gardando nestes anos. Os materiais que até o momento están sendo catalogados polo Proxecto son: Fotografías da vida cotiá dos represaliados; fotografías da actividade política e social anterior ao 18 de xullo de 1936; fotografías da guerra; fotografías da represión: a morte, as cárceres, o duelo, as mulleres rapadas ou o exilio; os rostros da memoria: as fotografías dos entrevistados e retratos de represaliados; a recuperación da memoria: exhumacións, actos conmemorativos e de homenaxe, fotografías realizadas polo proxecto sobre lugares de memoria; reversos con identificación, datación e información diversa.

Así mesmo, o proxecto recuperou unha filmación inédita do ano 1934: Visita do Presidente da República D. Niceto Alcalá Zamora a cidade da Coruña.

Son destacables os documentos de texto dixitalizados como os diarios de Luís Pérez de Moaña; Eusebio Cuesta de Monforte; Marcelino Fernández de Ribas de Sil; Aquilino Sánchez do Carballiño; Rogelio Arca de Cerdedo; Joaquín Cao de Vilamartín; José Carnero Valenzuela de Compostela ou Gonzalo Becerra Souto das Nogais. Ao carón destes escritos, temos outros máis persoais como cartas de presos dende o cárcere e correspondencia diversa de represaliados, documentación diversa relacionada coa represión: multas, documentos referidos a procesos, incautacións, desterros, etc. ou documentación diversa de índole persoal: cédulas, certificados, cartas de militancia, documentación laboral, pasaportes, etc.

Gardado en Noticias 24 de xullo de 2008 | sen comentarios

Isaac Díaz Pardo Deseña o anagrama identificativo do Proxecto

Isaac Díaz Pardo Deseña o anagrama identificativo do Proxecto

Isaac Díaz Pardo dotou ao Proxecto “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” dun anagrama que o identifica desde o mes de xullo. O autor, un dos fundadores do Laboratorio de Formas de Galicia, fillo do represalido Camilo Díaz Baliño e membro do Consello pola Memoria, quixo colaborar con este xesto na visibilidade da recuperación da memoria da represión e da súa investigación. O deseño está formado por dous círculos, formas xeométricas que abrazan a policromía e que o artista explica como “dúas cores; unha azul que cerca e domina a outra roxa”. Este deseño e simboloxía de vida, de memoria e dignidade, identificación do pasado feito presente a través da recuperación e da posta en valor da historia de Galicia.

Gardado en Noticias 23 de xullo de 2008 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez