Blog

Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

O Proxecto de Investigación das Universidades Galegas "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" achégase ao cento de entrevistas realizadas.

Dentro do marco das actividades desenvolvidas pola Consellería de Cultura e Deporte, neste Ano da Memoria, ten un protagonismo singular a investigación histórica sobre a represión franquista; unha tarefa que ven sendo realizada por un grupo de historiadores baixo a dirección e coordenación do Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto. Un proxecto que integra investigadores das tres universidades galegas e quere servir de cemento científico para profundizar no coñecemento da historia da Guerra Civil e da represión franquista. na Galiza.

Apenas transcorrido un trimestre de actividade, o proxecto que tiña como obxectivo recoller o maior número de testemuños orais de vítimas da represión franquista, achégase xa ás cen entrevistas, o que supón centos de horas de gravación de audio e vídeo. Os investigadores do proxecto desprazaronse nestas semanas pasadas por toda Galiza co obxecto de atoparse coas persoas que desexaban aportar o seu relato, a súa experiencia, aos fondos de investigación que van conformar un grande arquivo público sobre a Guerra Civil, a Represión e o Franquismo no noso país.

Aínda é pronto para facer valoracións, pero os historiadores do proxecto non se dan por satisfeitos e seguen coa teima de recoller máis testemuños e, non soamente iso, tamén todo tipo de material gráfico ou sonoro, obxectos, documentos persoais ou outros, que teñan que ver coa memoria individual e colectiva da represión franquista. Outro dos campos de actuación prioritarios será o da documentación escrita, recollida nos arquivos militares e civís que conteñen información sobre os procesos de represión e depuración seguidos contra miles de galegos e galegas.

Véñense ofrecendo ademais, dende este mesmo proxecto, actividades de formación dirixidas a asociacións e colectivos adicados á recuperación da memoria histórica, así como se teñen realizado diversos actos de presentación públicos dos propios contidos do proxecto.Unha vocación expresa desta iniciativa é ofrecer un servizo á sociedade, conectar co entramado asociativo e integrar a maior cantidade de esforzos posíbeis nunha mesma dirección: coñecer máis e mellor a histora das vítimas da represión franquista, elaborar un listado dos nomes de todas elas, gardar para o futuro a maior cantidade de testemuños relacionados coa represión e localizar os lugares máis significativos onde esta tivo lugar.

Gardado en Noticias 24 de agosto de 2006 | sen comentarios
 

Aviso de uso deste blog

A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.

Textos de microhistorias

A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez