Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.
O Instituto de História Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa xunto ao Movimento Cívico Não Apaguem a Memória - NAM , a Fundação Pulido Valente e a Fundação Mário Soares, organizan a Cerimónia de Homenagem aos docentes demitidos das universidades portuguesas durante o Estado Novo (1933-1974), nun acto quere ser homenaxe aos profesores e profesoras que foron sancionados, depurados e expulsados.
Un acto semellante ao que xa celebrara a Universidade de Santiago de Compostela no ano 2007, cando ofreceu unha homenaxe aos profesores, profesoras, persoal de administración e estudantado que sufriu as consecuencias da ola de violencia e vexacións iniciadas co Golpe de Estado de 1936. Ducias de profesores e profesoras foron sancionados, depurados e expulsados como consecuencia da represión que seguiu á sublevación militar e que se prolongou máis alá da propia guerra civil durante o período de 1936 a 1942.
A homenaxe terá lugar o día 29 novembro, ás 18.00 horas, na reitoria da Universidade de Lisboa (Alameda da Universidade, Cidade Universitária, Lisboa), e integra as intervencións do ex Presidente da República entre 1986 e 1996, Mário Soares, e do Profesor António Ventura, da Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa.

O sábado 26 e domingo 27, celebrarase no Incio (Lugo) diferentes actos conmemorativos do 75 aniversario do pasamento do médico Manuel Díaz González, coñecido como o "Pequeniño".

O pasado día 20 de outubro o Catedrático en Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares Paz, recibiu unha homenaxe no Instituto de Cièncias Sociais da Universidade de Lisboa no que será investido co título de Investigador Honorário. No acto, introducido por José Sobral, o profesor Villares recibiu a medalla da Universidade de Lisboa.

O sábado 30 de abril, celebrarase en Toques a Homenaxe a Delfino Liñeira Fraga, militante do sindicato de tranviarios xulgado na Coruña por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte en 1937. O acto está órganizado polo Concello de Toques e a colaboración do Proxecto Nomes e Voces e a familia de Delfino Liñeira Fraga.

A Asociación Memoria Histórica '28 de agosto' de Cangas, organiza o acto de inauguración do 'Monumento Memorial de Liberdade' o vindeiro sábado, día 9 de abril de 2011, ás 18.00 horas, na Praza do Concello de Cangas.
Este monumento ten sido sufragado por subscrición popular, e consiste nunha peza escultórica formada por unha prancha de aceiro corten de 8mm de espesor de 150x200cm, apoiada sobre peanas de pedra granítica tipo país de 50x26x20cm.
A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.
A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.