Asociacións

Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados

O ‘BARCO DA MEMORIA’ PERCORRERÁ A COSTA GALEGA DESDE XULLO ATA SETEMBRO

li>O barco de vapor Hidria transportará na súa adega unha exposición coordinada por Dionisio Pereira.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, deu a coñecer en Vilagarcía o ‘Barco da Memoria’, un dos proxectos máis destacados dentro das actividades enmarcadas dentro do Ano da Memoria que organiza a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural en colaboración cunha manchea de colectivos e entidades relacionadas co mar e coa recuperación da memoria histórica.

O Hidria, un maxestuoso barco de vapor reconstruído, é a nave escollida para se converter durante o tempo do verán no ‘Barco da Memoria’ e visitar os portos galegos para transmitir en cada un deles a necesidade da homenaxe e da lembranza.

Sairá de porto por primeira vez o 18 de xullo e percorrerá ata o 8 de setembro as principais localidades da costa galega. Serán case dous meses de lembranza continuada por medio dun barco que transportará na súa adega unha exposición coordinada por Dionisio Pereira na que se percorrerá a historia e os principais acontecementos arredor da represión no mar.

Homenaxe na Illa de San Simón

Moitos serán os momentos relevantes desta singradura pero, sen dúbida, dúas das xornadas de especial mención no programa do ‘Barco da Memoria’ serán a homenaxe aos represaliados que se celebrará en xullo na Illa de San Simón na que o Hidria estará fondeado nas proximidades, evocando o cárcere flotante que foi o ‘Upo Mendi’; e o roteiro colectivo que terá lugar en agosto ao longo da ría de Vigo como homenaxe da xente do mar aos pescadores asasinados e desaparecidos.

Á espera de que o barco se bote ao mar, o resultado da iniciativa tivo xa unha extraordinaria acollida, xa que ofreceron a súa colaboración no proxecto un feixe de asociacións, confrarías e colectivos, que están a contribuír de xeito decidido á organización dos programas que se desenvolverán en cada un dos portos nos que o barco recale.

| 13 de maio de 2006

CULTURA E AS TRES UNIVERSIDADES ASINAN UN CONVENIO PARA A INVESTIGACIÓN DA REPRESIÓN FRANQUISTA QUE TAMÉN PROCURARÁ DATOS EN ARQUIVOS DO EXTERIOR E EN CUBA E ARXENTINA

  • Ánxela Bugallo, Senén Barro, Domingo Docampo e José María Barja asinaron un convenio para a realización do programa “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” 1ª fase.
  • A conselleira afirmou que se trata dun traballo que “terá continuidade nos vindeiros anos” e manifestou a súa confianza en atopar a máxima colaboración por parte da cidadanía.

    Senén Barro, reitor da USC, salientou a urxencia da investigación para recuperar a memoria oral, “porque estamos no límite para que non se perdan as testemuñas vivas”. Nesta primeira fase estudarase o período 1936-1939.

    Senén Barro, pola Universidade de Santiago; Domingo Docampo, pola de Vigo; e José María Barja, pola da Coruña, apoiaron este proxecto achegando os investigadores que serán necesarios para levar a cabo a investigación. En total, traballarán un conxunto de 11 historiadores dirixidos polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto, que se encargarán de elaborar un arquivo da memoria oral a través de máis de 300 entrevistas a testemuñas e supervivintes da represión.

    O propio reitor da USC salientou a urxencia deste traballo “xa que unha parte significativa del é a recuperación da memoria oral e estamos xustamente no límite para que non se perdan todas as testemuñas”. Barro apuntou asemade que esta é unha “iniciativa de país na que por primeira vez participan o Goberno galego e todas as universidades facendo un estudio que pretende ser exhaustivo, rigoroso e profundo”.

    Ademais, elaborarase un censo global de represaliados para o que se baleirarán os arquivos militares, xa que existe nunhas 25.000 causas sobre o tema, os civís, onde se poden atopar os ‘paseados’, e tamén os rexistros dos cárceres.

    Pola súa banda, a conselleira Ánxela Bugallo afirmou que se trata da primeira fase dun traballo que terá continuidade nos vindeiros anos e que tratará de ser unha radiografía detallada da represión desde o 36 ata a chegada da democracia. Bugallo confiou en que a cidadanía colabore coa investigación e subliñou que tanto a Consellería como o propio equipo investigador están a recibir xa numerosas chamadas de testemuñas e familiares de represaliados que queren achegar información.

    Investigación no exterior

    O equipo investigador, que está a recibir xa ducias de chamadas de familias de represaliados para achegaren os seus datos, centrará boa parte dos seus esforzos no exterior, facendo pesquisas en arquivos fóra do país para localizar galegos tamén noutros lugares da Península, como por exemplo no caso dos que participaron en batallóns vascos. Ademais, procuraranse testemuñas en América Latina, especialmente en Cuba e na Arxentina, onde se refuxiaron moitos dos militantes antifranquistas que puideron fuxir.

    Como contraprestación pola realización dos traballos, a Consellería de Cultura e Deporte aboarálle ás universidades un total de 211.725 euros. O presente convenio ten vixencia ata o 31 de marzo de 2007.

    | 11 de abril de 2006

    ÁNXELA BUGALLO:
    “HOXE TEMOS A OPORTUNIDADE DE LEMBRAR A TODOS OS REPRESALIADOS QUE NUNCA RECIBIRON UNHA HOMENAXE POLA SÚA DEFENSA DA LEGALIDADE E DA DEMOCRACIA”

    Afirmou a conselleira de Cultura e Deporte.

    Lembrou que a Consellería vén de asinar un convenio coas universidades galegas para investigar a represión en Galiza que elaborará un inventario de vítimas.

    A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, congratulouse de ter a “oportunidade de lembrar a todos e a todas as represaliadas que nunca recibiron unha homenaxe pola súa defensa da legalidade e da democracia” e lembrou que lle corresponde á súa xeración “reconstruír as súas biografías e traer ao presente as ideas que defenderon e polas que foron perseguidos e humillados”.

    A responsable de Cultura dixo estas palabras na homenaxe organizada pola Comisión pola Memoria Histórica da Coruña que tivo lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña, á que asistiron Antón Santamarina e Elvira Varela Bao, que viviron na súa propia pel a represión franquista.

    Bugallo salientou que a declaración por parte da Xunta como Ano da Memoria supón un “cambio radical na recuperación da nosa historia e no xusto e merecido recoñecemento a todos e todas as que loitaron pola liberdade”. Neste sentido, a conselleira manifestou que “queremos que neste 2006 se avance definitivamente na verdade de todo o que aconteceu e por iso impulsaremos o estudo de fontes orais e documentais para o que botaremos a andar un rigoroso equipo de traballo no que participarán as tres universidades galegas”.

    INVENTARIO DAS VÍTIMAS

    Trátase dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Deporte e as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña para a realización do programa de investigación histórica sobre a represión en Galiza, “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares. 1ª Fase” que está dirixido polo profesor Lourenzo Fernández Prieto. O obxectivo do proxecto é elaborar un inventario das vítimas da represión en Galiza, para o que se realizarán pesquisas nos arquivos militares, xa que existen unhas 25.000 causas sobre o tema, nos arquivos civís, onde se poden atopar os ‘paseados’, e tamén nos rexistros dos cárceres.

    Así mesmo, faranse traballos para recuperar a memoria oral, con entrevistas para recoller información de testemuñas aínda vivas da represión, que achegarán información complementaria á dos arquivos.

    Ánxela Bugallo engadiu que ademais de investigar o pasado e renderlle unha homenaxe a todas as vítimas, o terceiro obxectivo é a difusión: “Queremos saber a verdade e queremos que toda a sociedade galega a coñeza. Temos que deixar atrás o tempo dos silenzos, dos buracos negros, das preguntas sen respostas. Entramos na época da luz, da verdade, da recuperación da memoria e da nosa historia”.

    | 17 de marzo de 2006

    A CONSELLERÍA DE CULTURA CREARÁ UN EQUIPO DE INVESTIGACIÓN PARA COÑECER AS VÍCTIMAS DA REPRESIÓN FRANQUISTA

    • O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, reuniuse esta mañá con trinta asociacións que traballan pola memoria histórica
    • Acordouse crear, asemade, o Consello da Memoria, como órgano de participación de todos os colectivos

    • O gran obxectivo do Ano da Memoria 2006 é facer un inventario das víctimas da represión, para o que se realizará un convenio de colaboración coas universidades, segundo informou Bará

    Santiago, 17 de decembro de 2005.- O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, reuniuse esta mañá con trinta colectivos de todo o país que están a traballar a prol da memoria histórica. Durante a xuntanza acordouse a creación dun equipo de investigación para coñecer as víctimas da represión. “Ha de ser un labor organizado e sistemático, e vaise investigar nos arquivos, tanto militares como civís”, afirmou Bará, que asegurou que facer o inventario destas víctimas é “o grande obxectivo do Ano da Memoria 2006.

    Luís Bará adiantou que a Consellería de Cultura asinará un convenio de colaboración coas universidades para levar adiante este proxecto, “aínda que manteremos unha relación estreita cos investigadores e historiadores que veñen xa traballando neste tema”. As pesquisas realizaranse nos arquivos militares, xa que existen unhas 25.000 causas sobre o tema, nos arquivos civís, onde se poden atopar os ‘paseados’, e tamén nos rexistros dos cárceres.

    Así mesmo, faranse traballos para recuperar a memoria oral, con 300 entrevistas para recoller información de testemuñas aínda vivas da represión, que achegarán información complementaria á dos arquivos.

    Consello da Memoria

    No decurso da xuntanza acordouse tamén crear un Consello da Memoria no primeiro trimestre de 2006, que funcionará como un órgano de participación de todos os colectivos, aínda que tamén se permitirá a adscrición persoal. Servirá como un medio de cooperación e intercambio de información entre as diversas asociacións e a Consellería de Cultura.

    É a primeira vez que un Goberno galego se reúne con representantes da sociedade civil para afondar e facer proxectos relacionados coa memoria histórica.

    | 17 de decembro de 2005

    DECLARACIÓN INSTITUCIONAL A RESPECTO DA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA E DA REHABILITACIÓN MORAL, PERSOAL E LEGAL DA FIGURA DE ALEXANDRE BÓVEDA

    O mandato de cambio e rexeneración democrática expresado polo pobo galego non pode asentarse sobre o silencio e o esquecemento de milleiros de cidadáns e cidadás galegos que foron vítimas da represión por defender os valores democráticos do autogoberno e o progreso de Galicia. En consecuencia, a Xunta de Galicia expresa o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica democrática, representada singularmente na recuperación, rehabilitación e recoñecemento das vítimas da represión provocada polo levantamento militar de 1936. Este compromiso ha de entenderse como un deber ético, como un acto de xustiza e como unha norma fundamental para garantir a calidade do sistema democrático.

    A figura humana e política de Alexandre Bóveda é hoxe recoñecida pola súa contribución decisiva ao autogoberno de Galicia e á propia existencia das institucións galegas. Na longa xeira da recuperación da súa vida e da súa obra, aínda está pendente o recoñecemento por parte das máximas institucións galegas.

    En consecuencia, o Goberno galego acorda impulsar a rehabilitación institucional, persoal e moral de Alexandre Bóveda como primeiro e decisivo paso no seu compromiso coa recuperación da memoria histórica.

    Ao mesmo tempo, o Goberno galego desenvolverá distintas iniciativas encamiñadas ao coñecemento da verdade histórica, á rehabilitación moral e pública de todas as vítimas galegas da represión da ditadura, á anulación dos xuízos sumarísimos e, en xeral, á reparación dos danos morais e materiais aos que houbera lugar.

    | 18 de agosto de 2005
     

    Listaxe de asociacions:

    A navalla suíza
    Responsable
    Universidade de Santiago de Compostela
    Colaboradores
    Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
    Patrocina
    Feder Xunta de Galicia
    Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez