A Confederación Nacional do Traballo, CNT, é un sindicato de inspiración anarco- sindicalista fundado en 1910, herdeiro da Iª Internacional e os seus princípios anti-parlamentarios, anti-políticos e federalistas. O Confederación Rexional Galaica da CNT foi fundada o 21 de Agosto de 1922 en Vigo e non deixou de medrar e de implantar os seus sindicatos por toda Galiza durante os anos que nos levan até a guerra civil, chegando a ter perto de 54.000 afiliados.
Após o 18 de Xullo de 1936, o anarco-sindicalismo galego perderá aos seus mellores cadros (José Villaverde, Manuel Montes, José Moreno, Claro Sendón e un longo etcétera) quer na represión desatada por todo o país, quer nos combates aos que se incorporaron numerosos fuxidos cara a zona leal à República; ali, os cenetistas e anarquistas galegos alentaron a “Federación de Agrupaciones de Gallegos Libertarios" e a organización de batallóns sob o seu control, particularmente na frente do Norte. Rematada a contenda, a CRG voltou a ter recoñecemento orgánico na CNT ilegal do interior a partir de 1941, unha vez que foi reconstituída en território galego. Logo dunha imprescindíbel tarefa de recuperación de cadros, o primeiro comité da CRG na clandestinidade argallou-se en 1942 na Coruña; desde aquela e até 1949, a Rexional Galaica participou da azarosa traxectória da CNT baixo o réxime de Franco.
Ao cabo, a meados de 1949 é neutralizado un novo Comité en Compostela, producíndo-se apresamentos de sindicalistas en Coruña, Lugo e Ourense. Deste xeito, máis de 200 afiliados à CNT foron detidos na Galiza entre 1947 e 1949.
Unha vez restabelecida a “democracia”, a CNT sufriu diferentes ataques por parte dos governos monárquicos tanto da UCD como do PSOE e do Partido Popular, entre eles unha escisión promovida polo partido do señor Rodríguez Zapatero e unha infiltración policial que desembocou no atentado contra a sala de festas “Scala” de Barcelona. A dia de hoxe, a CNT logrou recuperar parte do terreno perdido e sen lle deber un euro à banca posúe numerosos locais en propriedade tanto na Galiza como no Estado español, e continua a desenvolver unha ación sindical nas empresas sobre a base do rexeitamento aos comités de empresa e xuntas de persoal e a constitución de seccións sindicais nas empresas, porque a CNT considera que o actual modelo sindical é herdeiro do antigo “Sindicato Vertical” franquista no que os sindicatos actuan como apagalumes dos conflitos laborais e se converten en auténticas mafias inzadas de liberados sindicais que non dan pau. Por iso, a CNT non solicita subvencións nen ten liberados, porque son o cancro do sindicalismo de base, federal e asembleário.
Rosa Bassave Roibal
Secretária Xeral da Confederación Regional Galaica de CNT
Enderezo:
Garcia Prieto, 24-28 - 15706 Santiago de Compostela
Teléfono:
981 59 09 10 – Fax 981 53 42 56
Email: cntgalicia@hotmail.com
Páxina web: http://www.cntgaliza.org