Asociación para a Dignificación das Vítimas do fascismo

Asociación para a Dignificación das Vítimas do fascismo

A orixe da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo tivo lugar na presentación na Galería Sargadelos de Lugo do monográfico de Unión libre. Cadernos de vida e culturas (núm. 9, 2004), dedicado á “Memoria antifascista de Galicia”, a cargo de Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, María Xesús Souto Blanco e María Lopo, en presenza de dous netos do Doutor Rafael de Vega Barrera e doutras persoas con el comprometidas (Sofía Andrade, Xesús Pérez Regueiro). Claudio Rodríguez Fer propuxo alí que o próximo Hospital de Lugo levase o nome do Doutor Vega e Manuel Sarille Lanceiro suxeriu que se crease en Lugo unha Asociación promotora da recuperación da memoria dos represaliados polo franquismo. Comezou así, espontaneamente, en privado e nos medios de comunicación, unha campaña de adhesión a estas iniciativas, na que participaron as máis variadas persoas e asociacións e que culminou na Asemblea Xeral do 29 de outubro de 2005.

A esta asemblea asistiron numerosos parentes de represaliados e persoas comprometidas coa memoria histórica en Galicia. Ademais, contou coa adhesión, dende Valladolid, do Doutor Rafael de Vega, fillo primoxénito do deputado republicano Vega Barrera, quen agradeceu a solidaridade “a María Xesús Souto, por sacar a luz el sumario; a Xesús Pérez Regueiro, paciente de mi padre, que está pagando con creces su gratitud; a Claudio Rodríguez Fer, cuyas muestras de interés por mi padre, sin haberlo conocido, me obligan a incluirlo en nuestra familia afectiva”. Así mesmo, adheríronse Carmen Veiga e Juan Pérez-Carballo, cuñada e sobriño do gobernador da Coruña Francisco Pérez Carballo e de Juana Capdevielle, residentes en Madrid. Tras intervir Xesús Pérez Regueiro, Manuel Sarille Lanceiro e Carmen Blanco, aprobáronse todas as propostas, feitas por Claudio Rodríguez Fer, que se recollen nos apartados de obxectivos e proxectos.

Os obxectivos da Asociación son:

-Investigación e divulgación da memoria histórica da represión para que se coñeza a verdade e para que nunca se repita.

-Accións de dignificación das vítimas do fascismo barbaramente maltratadas durante a ditadura franquista e inxustamente esquecidas durante a transición e na actualidade

Promotores:

Manuel Sarille Lanceiro, funcionario xubilado e activo publicista da memoria histórica, vítima da represión xunto a súa familia e irmán de Carmen Sarille Lanceiro, asasinada aos vinte e dous anos;

Claudio Rodríguez Fer, poeta e escritor da memoria e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou cunha tese sobre a literatura da guerra civil, así como fillo de pai encarcerado.

Carmen Blanco, escritora da memoria da muller e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, neta de avós represaliados (un depurado no traballo e outro encarcerado e condenado a morte).

Xesús Pérez Regueiro, propietario da Galería Sargadelos de Lugo, operado na infancia polo Doutor Vega Barrera e anfitrión de numerosos actos sobre a memoria histórica e cultural antifascista.

-María Xesús Souto Blanco, historiadora da memoria e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou cunha tese sobre a represión franquista en Lugo, así como sobriña neta de Luis Souto Neira, asasinado en 1936.

Enderezo postal:

Galería Sargadelos
Praza de Santo Domingo, 4
27001 Lugo

Email: dignificacion@telefonica.net

 
A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez