Asociación Cultural Comisión pola Memoria Sinhor Afranio

Asociación Cultural Comisión pola Memoria Sinhor Afranio

A Asociación Cultural Comisión pola Memoria “Sinhor Afranio” nace o día 25 de novembro de 2005 como consecuencia da unión dos membros das Asociacións Culturais do norte da provincia de Pontevedra que están a traballar desde hai anos en proxectos de recuperación da memoria histórica. Nestas asociacións (A.C. “A Estrada”, A. C. “O Meigallo” de Cuntis, A. C. “A Cabana” de Moraña, A. C. “Canón de Pau” de Cotobade, A. Cult. e Ecoloxista Verbo Xido de Terra de Montes, A. S. C. Adellís de Silleda, A. C. “O Naranxo”, e A. C. “M. Ferreiro” de Lalín) veñen realizando publicacións (libros sobre Roberto Blanco Torres, García Barros, Otero Espasandín, etc...) vídeos (Xoán Xesús González), revistas (A Taboada, Boletín Verbo Xido) e actividades tratando estes asuntos. Para optimizar os recursos acordouse crear esta nova entidade que agrupase aos membros que nestas asociacións veñen a desenvolver os seus proxectos de investigación e divulgación nesta materia. Divulgación en galego de libros e vídeos sobre o tema, pero tamén nalgúns casos, como se veu facendo até agora, a reedición de obra descoñecida dalgunha das vítimas da represións e que pese a súa calidade segue a estar silenciada, así como xornadas que os poñan en valor, lembren e analicen os aspectos biográficos e a súa acción social.

A Asociación “Siñor Afranio” dispón de todos os recursos das anteriormente citadas entidades. Fondos documentais de persoas tan relevantes como Roberto Blanco Torres de Cuntis, a quen se lle dedicou o día das letras galegas, ou Manuel García Barros, da Estrada. Pero sobre todo conta con investigadores solventes que veñen traballando na comarca desde hai anos que poñen a disposición da Comisión “Siñor Afranio” as conclusións dos seus traballos sobre a represión franquista na comarca, vítimas, lugares da memoria, recuperación da obra destes, etc...

Nestes momentos a Comisión “Siñor Afranio” está a coordinar os esforzos de colectivos e de todos os investigadores para cumprir o obxectivo de completar neste ano un inventario dos represaliados, da súa historia, da súa obra – cando son escritores ou intelectuais – dos lugares emblemáticos que compre lembrar, etc...

Fins e obxectivos da Comisión Siñor Afranio

1.- Elaborar un repertorio de represaliados e represaliadas polo franquismo no ámbito territorial da comisión (norte da provincia de Pontevedra)

2.- Facer un listado da simboloxía franquista existentes nas vilas e aldeas da nosa zona.

3.- Estabelecer un mapa de lugares da memoria relativo á represión franquista e dos represaliados e represaliadas.

4.- Colaborar con todos os colectivos locais existentes no ámbito territorial da asociación e que teñan os mesmos obxectivos, potenciando e procurando a maior repercusión das súas actividades.

5.- Estabelecer relacións fraternais, sen exclusións e nun plano de igualdade, con todas aquelas asociacións que estean a traballar no mesmo eido en toda Galicia así como no resto do Estado español, de cara a conseguir a eliminación da simboloxía franquista, sinalar os lugares da memoria e reivindicar tanto aos represaliados e represaliadas como o seu compromiso polo que sofreron persecución.

 

Noticias desta asociación

Homenaxe a Antón Alonso Ríos

8 de setembro de 2008
A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez