24 Xan 2013

Presentación do libro do Proxecto 'Nomes e Voces': "A represión franquista na comarca da Coruña" en Carral

O vindeiro xoves 24 de xaneiro presentarase na Casa de Cultura de Carral o libro "A represión franquista na comarca da Coruña" (Laiovento, 2012), do Proxecto Nomes e Voces.

No acto participarán Emilio Grandío, Coordinador do Proxecto 'Nomes e Voces'; Xurxo Pantaleón, Investigador do Proxecto 'Nomes e Voces' e Fernando Souto.

A obra recolle as semblanzas de 600 persoas asasinadas, así como numerosas fotografías e material gráfico recollido polo Proxecto "Nomes e Voces" durante o seu traballo de investigación.

"Este libro pretende recuperar a memoria histórica, ou sexa, a memoria da represión con que o franquismo estragou a comarca da Coruña. Mais é tamén un acto de xustiza para reparar tanta dor e sacrificio e, así mesmo, unha achega para coñecer a verdade. Como dicía Castelao nunha das súas estampas, non enterraron cadáveres, senón semente.

É unha publicación que quere iluminar, como aquel libro do escudo constitucional do Concello da Coruña da IIª República que difundía, por riba da Torre de Hércules, un resplandor luminoso de Progreso e Liberdade (curiosamente, estas foron as dúas primeiras rúas que suprimiron os granquistas cando se fixeron cargo da primeira corporación municipal).

Tendes na man un traballo que quere recordar o pasado, se cadra os acontecementos máis traumáticos que padeceu esta sociedade, máis tamén tenta rememorar o papel da cidade da Coruña e a súa comarca como a referencia máis dinámica e transformadora do noso país. Nesta bisbarra tiveron un protagonismo especial todo tipo de movementos sociais, foi o berce do movemento obreiro, maiormente anarcosindicalista, máis tamén de influxo socialista nalgúns sectores, espazo en que se desenvolveu un agrarismo que destacaba pola súa relación coas ideas socialistas ou libertarias.

Despois da longa noite de pedra da ditadura franquista e de moitos anos de silencio, é hora de homenaxear as vítimas, reparar tanta inxustiza, coñecer a verdade e gardar as súas vidas na nosa memoria colectiva." [Editorial]

Engadir ao meu Google Calendar
24 de xaneiro de 2013  |  ás 20.30 horas  |  Casa de Cultura de Carral (Paleo, 17 - Carral (A Coruña)
 
A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez