Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961), é catedrático de Historia Contemporánea na USC desde 2005, especializado en historia agraria e do mundo rural. Coordinou varias publicacións como Terra e Progreso: historia agraria da Galicia contemporánea, Vigo, 2000, e ten colaborado en revistas e obras colectivas, onde mostrou diferentes traballos relacionados co mundo rural galego e a represión sociopolítica que lle afectou tras o golpe de estado de 1936, destacando neste aspecto "Agricultura, gandería e economía de guerra: novas orientacións de política agropecuaria para Galicia, 1936-1939" ( Grial, nº 100, 1988, p. 233-246), "Guerra civil e franquismo" (libro colectivo Nova historia de Galicia, A Coruña, 1996), "Represión franquista e desarticulación social en Galicia: a destrución da organización societaria campesiña, 1936-1942" (Historia Social, 1994, Grial, nº 170, 2006) (monográfico dirixido por Lourenzo Fernández Prieto relativo á guerra civil e a represión franquista en Galicia). É autor entre outras publicacións de Labregos con Ciencia (Vigo, Xerais, 1992), El apagón tecnológico del franquismo. Estado e innovación en la agricultura española del siglo XX (Valencia, Tirant lo Blanch, 2007), Atraso económico nunha sociedade destruída y Dinamismo social e desenvolvemento económico (A Coruña, 2008) (Colección A gran historia de Galicia), Facendo Historia con memoria (Santiago de Compostela, 2009), Informe de resultados. Vítimas Galicia (1936-1939) (Santiago de Compostela, 2010) e Memoria de guerra y cultura de paz en el siglo XX. De España a América, debates para una historiografía (Ediciones Trea, 2012). Ten dirixido diferentes traballos de investigación relacionados coa construción da modernidade en Galicia e os movementos sociais (movemento obreiro, agrarismo). É membro do consello de redacción de diferentes revistas de investigación histórica e participou en numerosos congresos e coloquios da especialidade. Ademais de dirixir o Proxecto “Nomes e Voces”, é o investigador principal de varios proxectos que teñen como temática o franquismo: “A guerra Civil e o proceso de construción do réxime franquista en Galicia” e “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia”.